Científicos galegos deseñan un sistema de alerta de risco meteorolóxico de gripe

O grupo Geobiomet, con investigadores da Universidade de Santiago de Compostela e a de Cantabria, descubriu que os maiores aumentos do risco de hospitalización en Galicia se producen entre 5 e 6 días despois da chegada de masas de aire procedentes do suroeste e do sur.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 27/10/2016 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O grupo Geobiomet formado por investigadores das Universidades de Santiago de Compostela (USC) e Cantabria traballan nun proxecto de investigación de ámbito estatal para elaborar un sistema de alerta que anticipe o nivel de risco biometeorolóxico nas diferentes rexións climáticas peninsulares en materia de epidemias gripais, e así diminuír os custes sociais e económicos que implican os ingresos hospitalarios por esta enfermidade. Forman parte del o xeógrafo da USC Alberto Martí, os investigadores do Departamento compostelá de Saúde Pública Margarita Taracido e Adolfo Figueiras, e os xeógrafos da Universidade de Cantabria Pablo Fernández e Dominic Royé. 

Enferma de gripe
Enferma de gripe | Fonte: USC.

O número de casos de gripe diagnosticados en Galicia entre 2003 e 2013 foi de 113.957 —o que supón unha media anual de 10.359—, e o de admisións hospitalarias pola enfermidade de 5.830 persoas. Diversas investigacións apuntan que, ademais dos sociais, os custes hospitalarios e de absentismo laboral asociados á gripe representan unha elevada carga económica, sendo ese custe moi superior entre os pacientes considerados grupos de risco. 

EFECTO EN GALICIA

Para valorar o efecto que a dinámica atmosférica puidera ter nos procesos de expansión das epidemias gripais, o equipo estudou a relación entre os ingresos en hospitais públicos asociados á gripe en Galicia e os tipos de tempo nesa comunidade entre os anos 2003 e 2013. Os primeiros resultados presentáronos recentemente no X Congreso Internacional da Asociación Española de Climatoloxía que tivo lugar en Alacante. 

Para a investigación manexáronse datos de presión atmosférica da superficie do National Center for Atmospheric Research (NCAR), cos que se elaborou unha clasificación de situacións atmosféricas e de tipos de tempo para Galicia. Nun modelo estatístico dos utilizados en epidemioloxía ambiental cruzáronse eses datos cos ingresos diarios en hospitais clínicos públicos de Galicia e cos rexistros semanais de casos de gripe que facilitaron o Ministerio de Sanidade e o Instituto Nacional de Epidemioloxía. 

Dese traballo concluíron que os maiores aumentos do risco de hospitalización por gripe en Galicia, máis do 70% de incremento, se producen entre 5 e 6 días despois da chegada de masas de aire procedentes do suroeste e do sur, que durante o outono e o inverno provocan un tipo de tempo húmido e frecuentemente chuvioso, con temperaturas suaves.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta