Por Galicia Confidencial | Burela | 04/11/2016 | Actualizada ás 10:35
Os cemiterios non só o lugar onde repousan os mortos, tamén poden dar vida, por exemplo, a unha lingua como é a galega. Con esa filosofía un equipo de oito persoas de Burela puxo en marcha unha actividade puntual de dinamización social.
Este grupo realiza un traballo de campo onde están implicadas varias familias e investigadores da vila que fornecen información ao equipo. Este proxecto nace como continuación ao vídeo documental 'Palabra e Memoria', gravado no ano 2009 coa colaboración de Matías Nicieza, Pepa Losada e Ramón Marful. Este traballo fora realizado dentro da iniciativa Modelo Burela, que se orixinaba hai anos como un plan de intervención educativa. Pero logo desbordou as marxes dese ámbito e pasar a ser todo un movemento de dinamización lingüística que atinxe varias capas sociais da vila e mesmo da comarca mariñá.
O traballo actual é de natureza interdesciplinar, xa que une tanto literatura, ensaio e unha vocación xornalística como unha vertente máis visual a través da fotografía e do vídeo. O obxectivo do grupo é xuntar todas as pezas que saian desta recollida para tecelas nunha historia común que homenaxee a memoria das persoas finadas a través das persoas vivas, auténticas protagonistas do relato.
“Citando a Bernardo Penabade, un dos impulsores deste traballo de recollida do patrimonio documental galego en ámbitos funerarios, trarase dunha obra colectiva enfocada desde o vitalismo, coas persoas vivas como protagonistas por seren fieis á memoria dos seus e á cultura colectiva”, apuntan os impulsores do proxecto.
Unha vez rematado todo este proceso de diálogo, a intención é elaborar unha publicación en soporte dixital e poñela a disposición das familias e do público en xeral. Finalmente, enviarán datos que reflicten a evolución do patrimonio documental neste ámbito co obxectivo de normalizar o uso do galego no sector.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.