Unha novela sobre a identidade e represión lingüística

“Crónica Córnica” de Francisco Coimbra e finalista do Xerais de Novela 2016, pivota sobre a tríade lingua, identidade e sociedade e está ambientada na Gran Bretaña de hoxe.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 08/11/2016 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

Inexplicabelmente o condado de Cornualle, na illa de Gran Bretaña, esperta unha fría mañá de xoves ou de venres falando unha lingua extinta: o córnico. A partir dese feito, desenvólvese unha trama atractiva, escrita cun estilo poderoso, que supón unha profunda reflexión sobre a identidade e a represión lingüística, ambientada na Gran Bretaña de hoxe.

Crónica Córnica de Francisco Coimbra, finalista do Premio Xerais de Novela
Crónica Córnica de Francisco Coimbra, finalista do Premio Xerais de Novela

“Crónica Córnica” é unha novela contemporánea, que pode ser lida en moitas claves, que pivota sobre a tríade lingua, identidade e sociedade, e foi enunciada non desde o discurso científico, senón desde a fabulación murmurada de boca a orella. “Un intenso e metafórico berro literario a favor das linguas e contra a marxinación e as desigualdades económicas, culturais e sociais entre colectivos e pobos”, apuntan desde Xerais.

É unha novela que sorprende e destila amor polas palabras e as linguas en cada páxina, abordando un tema tan crucial como escasamente tratado na literatura. “A novela, de tintura saramaguiana, técese a través dun personaxe colectivo que se encarna en secretarias, profesoras, alcaldes, mariñeiros, carteiras, pallasos, libreiros e xardineiras: toda unha composición polifónica que adopta as formas do relatorio e da crónica e no que, por veces, é máis importante o non dito, o diálogo imaxinario, do que a voz directamente expresada”, engade a editorial nun comunicado. 

Francisco Coimbra (Madrid, 1986), galego por adopción, pasou varias tempadas en Santiago de Compostela e Ourense durante os anos en que estudou Filoloxía Románica. Máis tarde trasladouse ao Brasil, onde actualmente traballa como profesor no Departamento de Linguas Estranxeiras Modernas da Universidade Federal do Paraná, na cidade de Curitiba. Publicou artigos nos eidos da lingüística, a tradución e os Estudos Culturais en revistas especializadas do Brasil, a Arxentina, México, España e Colombia. Así como varios poemas e un conto na Revista de Estudos Galegos da UCM “Madrygal”. Estréase agora na narrativa con “Crónica Córnica”, finalista do Premio Xerais 2016.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta