Dous de cada 10 domicilios galegos teñen alto risco de concentración de radón, segundo o mapa elaborado pola USC

O dato para toda Galicia (23,3%) sobe en Ourense (33,2%) e Pontevedra (28,6%), mentres que é inferior na Coruña (19,6%) e Lugo (14,7%)

Santiago de Compostela | 11/11/2016 | Actualizada ás 13:51 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Dous de cada 10 domicilios galegos teñen alto risco de concentración de radón, segundo o mapa que elaborou un equipo da Universidade de Santiago de Compostela (USC).

O dato para toda Galicia (23,3%) sobe para a provincia de Ourense (33,2%) e para a de Pontevedra (28,6%), mentres que é inferior na Coruña (19,6%) e Lugo (14,7%).

Mentres, o 79,25% das bisbarras galegas (42 de 53) presentan alto risco de concentración de radón. Segundo o novo límite fixado pola Unión Europea, a porcentaxe baixa ao 56% das bisbarras (30 de 53), pero os responsables do mapa deste gas avogan polo anterior umbral.

Se se atende ao oficial, os domicilios afectados en Galicia serían un 12,1% -un 21,2% en Ourense, un 14,8% en Pontevedra, un 9% na Coruña e un 7,7% en Lugo-.

O director do Laboratorio de Radon de Galicia, Juan Miguel Barros Dios, e o profesor de medicina preventiva e saúde pública da USC, Alberto Ruano Raviña, deron a coñecer este venres en rolda de prensa o mapa, que aspira a servir de instrumento de servizo público.

"GALICIA TEN UN PROBLEMA"

Con el, segundo destacaron, constátase, como xa se sabe dende hai 30 anos, que "Galicia ten un problema de radon", polo substrato xeolóxico, que a converte na comunidade líder en presenza deste gas, por diante doutras zonas da Península Ibérica como sur de Castilla e León, norte de Extremadura e de Madrid.

Nestas áreas atopan as casas "con máis concentración de radón", un feito motivado polo lugar no que se asintan, máis que polo material co que están construídas as vivendas. En concreto, dentro de Galicia, as provincias máis afectadas son Ourense e Pontevedra.

Baseándose na análise realizada pola USC, que leva dende 1992 traballando neste ámbito, na primeira das provincias un 33,2% dos domicilios supera os 200 becquerelios por metro cúbico, mentres que na segunda o dato se reduce ao 28,6%. A Coruña sitúase en terceiro lugar, cun 19,6%, e a provincia "menos contaminada" no que a radon respecta é Lugo, cun 14,7%.

Os responsables desta iniciativa xeraron, a partir de 3.411 medidas de radon residencial, e nun documento que non está pechado, pois "van chegando" novas medicións, dous mapas: un co novo umbral (300 becquerelios por metro cúbico) e outra co anterior (200 bequerelios por metro cúbico).

Co máis recente, 30 bisbarras teñen un alto risco de concentración na comunidade galega, con 139 concellos afectados. No segundo, son 52 bisbarras e 203 municipios.

200 PLACAS DE TÓRAX AO ANO

Desconformes co cambio do tope, os impulsores do mapa do radon argumentaron a súa postura cun exemplo: segundo un estudio desenvolvido en Canadá, uns 200 becquerelios por metro cúbico equivalerían a facerse 200 placas de tórax ao ano.

De aí que, de feito, a Organización Mundial da Saúde o baixase en 2009 a 100 becquerelios por metro cúbico nun informe no que participaron ambos os dous profesores da universidade da capital galega.

Non obstante, en 2018 entrará en vigor a nova directiva europea, que sobe de novo este límite, ata 300, algo que Barros atribuíu a non querer "asustar" os construtores.

SOLUCIÓNS

A exposición ao gas radon é, despois do consumo de tabaco, o segundo factor de risco de cancro de pulmón e o primeiro en persoas que nunca fumaron.

Por iso o código europeo contra o cancro sinálaa como unha das exposicións ambientais a diminuír. Para iso, segundo expuxo o director do Laboratorio de Radon de Galicia, hai unha solución moi básica: "facerlle un camiño o gas, que se cola por tódalas partes, para que non suba por onde non debe".

Por iso, destacou que é preciso construír "a proba de radon", con tubos previstos para deixar saír o gas e extractores que o eliminen -ou, en segundo que casos, artefactos que impulsen aire para conseguir que o radon, máis pesado, que o aire, saia-. Tamén é unha medida adecuada a climatización con "intercambio de aire" do exterior e o interior da casa.

Non obstante, o maior illamento enerxético, aínda que non é "incompatible" cun descenso da presenza de radon no fogar, se adoita derivar nos actuais tempos nun incremento da concentración, de acordo con estudios realizados en Gran Bretaña aos que apuntaron.

PAÍSES MODÉLICOS

Os dous responsables do mapa avogaron por seguir o ronsel que marcan países como os nórdicos, Gran Bretaña, Irlanda, Estados Unidos e Canadá nesta materia.

A diferencia deles, en España por agora solo está en vigor lexislación laboral, e Barros advertiu de que é un número "mínimo" e "ridículo" o das empresas que a están a cumprir. Así mesmo, denunciou que, polo menos que el saiba, non existe rexistro das administracións públicas sobre os postos de risco en cada comunidade, malia que houbo "algún intento" no caso de Galicia.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta