Temas: PUBLICIDADE

O primeiro anuncio en galego cumpre 140 anos

Apareceu publicado en 'O Tío Marcos d'a Portela' o 5 de novembro de 1876.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 15/11/2016 | Actualizada ás 10:00

Comparte esta noticia

A publicidade en galego acaba de facer 140 anos. O 5 de novembro de 1876 publicábase no semanario 'O Tío Marcos d'a Portela' o primeiro anuncio na nosa lingua. Ofertaba 'Máquinas pra coser d'a compañía fabril Singer'.

Primeira publicidade en galego aparecida en 'O Tío Marcos d'a Portela' en 1876
Primeira publicidade en galego aparecida en 'O Tío Marcos d'a Portela' en 1876

De feito, o galego empregouse con total naturalidade para vender máquinas de fabricación alemá, algo que é mesmo hoxe difícil de ver. “Máquinas pra coser pra endustriales e familias”, leíase neste anuncio, no que suliñaba que se podían vender “a prazos a catorce reás por semana. Sin aumento ningun n'os precios, dez por cento de rebaixa o contado”.

Precisamente, coincidindo con este feito, o departamento de Cultura e Lingua da Deputación de Pontevedra destacou “o esforzo que aínda a día de hoxe é imprescindible” para normalizar a lingua galega no eido do comercio e da empresa. Neste sentido, durante o ano 2016 e a través da liña de dinamización do galego, a Deputación colabora coas campañas con varias entidades para difundir o galego entre a clientela e os seus asociados.

Entre estas entidades están a Asociación Galega de Empresas de Enxeñería Civil e Infraestruturas de Vigo, a Federación de Comerciantes Industriais do Morrazo, a Federación Galega de Parques Empresariais, a Asociación de Comerciantes e Industriais do Porriño, a Asociación de Empresarios de Redondela, a Rede Galega de Empresas ou o Centro Comercial Aberto de Vilagarcía.

Temas: PUBLICIDADE
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta