VIGO | 17/11/2016 | Actualizada ás 11:40 por EUROPA PRESS
A cidade de Vigo acollerá o próximo 3 de decembro o IV Congreso Parasanitario e de Medicina Integrativa organizado pola Escola Europea Parasanitaria, polo que numerosos expertos nacionais e internacionais disertarán sobre distintos tratamentos naturais e alternativos, algúns dos cales "aínda son descoñecidos por grande parte da poboación".
Tal e como trasladaron os organizadores, a medicina parasanitaria e integrativa incorpora á medicina convencional "terapias complementarias, como a fitoterapia, a dietética, a meditación, o ioga e a acupuntura".
Neste marco, o evento, recollido baixo o lema 'Que a forza do natural che acompañe', contará con conferencias centradas na homeopatía, a acupuntura, a quiromasaxe e a naturopatía, así como noutras disciplinas que, segundo os devanditos profesionais, "permiten non só tratar as enfermidades e doenzas, senón tamén previr".
Entre os relatores estará o pediatra da Universidade de San Petersburgo e doutor en medicina osteopática Kirill Yurievich Yarko 'Kira'; a naturópata, homeópata e profesora de ioga alemá Siegrun Bischoff; a homeópata, kinesióloga e masaxista Hanna Bruderer; e o presidente da Asociación Española de Naturopatía e Bioterapia, Marcos Vélez.
O congreso terá lugar no Hotel Cidade de Vigo, e os asistentes deberán acceder mediante "entrada solidaria", que consiste na doazón de cinco quilos de alimentos non perecedoiros nas escolas ou no propio hotel o día do congreso. Os alimentos serán destinados ao Banco de Alimentos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.