Temas: PARAGUAI

O embaixador de Paraguai e Feijóo evitan falar do mozo deportado a pasada semana

Só se centraron nas oportunidades económicas dunha maior relación entre Galicia e o país sudamericano. A Xunta di que é un tema que depende da Delegación do Goberno.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/11/2016 | Actualizada ás 14:05

Comparte esta noticia

O embaixador da República de Paraguai en España, Antonio Rivas Palacios, abordou co presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, as "oportunidades" de establecer unha maior relación económica entre Galicia e o país sudamericano. Pero os dous dirixentes evitaron, en todo momento, cando menos en público, referirse ao caso do mozo que foi deportado a ese país hai uns días a pesar de que levaba vivindo en Santiago de Compostela desde a infancia.

Feijóo co embaixador do Paraguai en España
Feijóo co embaixador do Paraguai en España | Fonte: Conchi Paz-Xunta

Preguntado ao respecto e se abordarían este aunto, o embaixador limitouse a explicar que, sobre esta cuestión, se manteñen conversacións coa Dirección General de Migraciones, que explicaron que o caso "corresponde á cuestión individual do mozo".

"Principalmente trataremos as relacións de Paraguai con Galicia e ver as oportunidades dunha maior relación", subliñou o embaixador, en declaracións aos medios, na entrada da residencia oficial de Monte Pío, onde tivo lugar a reunión.

Entre as cuestións a abordar, situou a análise sobre o impulso dun achegamento entre Galicia e Paraguai, e tamén entre España e este país, nunha "situación de complementariedade económica" e para "un coñecemento mutuo". No encontro, ademais das autoridades de Paraguai e Feijóo, tamén interviñeron outros dirixentes galegos como o conselleiro de Economía, Francisco Conde.

Depende da Delegación do Goberno

Sobre esta cuestión tamén se referiu o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, que remarcou que a Administración autonómica vai acatar o que decida a Delegación do Goberno, por ser a que ten as competencias neste ámbito.

Acerca de que a Administración galega tutelou ao mozo entre os 14 e os 18 anos, Rueda recoñeceu que "no seu momento estivo tutelado porque se daban unha serie de circunstancias, que non teñen por que dar a dar agora".

 

"As circunstancias poden cambiar e as novas circunstancias que determinan esas decisión quen as sabe é a Delegación do Goberno", remarcou, recordando que é o Goberno central quen ten as competencias para dicir quen permanece e quen non no territorio nacional. En todo caso, mostrouse seguro de que a decisión "se basea en criterios obxectivos".

Temas: PARAGUAI
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta