O BNG cre que o edil investigado en Santiago debería dimitir xa

O PP e o PSOE piden tempo para que a Xustiza faga o seu traballo. Rubén Cela (BNG) di que el dimitiría de estar na situación de Duarte (Compostela Aberta), a quen cualifica de "persoa honesta, honrada e íntegra".

Por E.P. | Santiago de Compostela | 02/12/2016 | Actualizada ás 09:10

Comparte esta noticia

A decisión da Fiscalía de citar a declarar como investigado ao concelleiro de Espazos Cidadáns de Santiago, Jorge Duarte, por un suposto delito de prevaricación suscitou a reacción dos grupos da oposición na casa do concello da capital galega. Mentres PP e PSOE xulgaron que unha nova imputación dun edil compostelano "non é unha boa noticia", o voceiro do BNG, Rubén Cela, deixou claro que el, de acharse na situación de Duarte, dimitiría.

Rubén Cela
Rubén Cela

O PP NEGA ESTAR DETRÁS DA DENUNCIA

Por parte dos populares falou o concelleiro Alejandro Sánchez-Brunete, moi crítico durante todo este tempo con Duarte e a tramitación das multas aos locais de ocio nocturno, e fíxoo para subliñar que agora se confirma que hai "indicios de irregularidade". Con todo, deixou claro que a súa investigación sobre os expedientes de sancións é "allea" á posta en marcha pola Xustiza.

"Non é unha boa noticia e confirma que se puido producir unha desviación grave da legalidade", incidiu, malia expresar a súa intención de "ser prudente". É por iso que non pediu a dimisión de Jorge Duarte, seguindo "a doutrina" do seu partido de "non prexulgar" as investigacións abertas, aínda que si recordou que Compostela Aberta se presentou ás eleccións municipais "facendo bandeira", entre outras cousas, da rexeneración democrática.

Sobre a xustificación de Duarte de que o código ético de Compostela Aberta só obriga a renunciar cando a prevaricación leva aparellada lucro económico, algo que non acontece no seu caso, Sánchez-Brunete censurou esa "reinterpretación". De feito, subliñou que si existe ese lucro, por parte dos locais "exonerados do pagamento dunha multa", e se preguntou que diría se o afectado fose un edil do PP.

O PSOE PIDE "REMODELAR O GOBERNO"

Dende as filas socialistas tomou a palabra o seu voceiro, Paco Reyes, quen lamentou que, tras o acontecido na etapa de goberno do PP, cando chegaron a estar imputados a práctica totalidade dos edís populares, ábrase unha nova investigación xudicial sobre un representante municipal da capital galega. "Non é unha boa noticia para a cidade", sentenciou.

Máis alá diso, expresou o seu respecto polos tempos e o traballo da Xustiza e tamén pola presunción de inocencia. "Nunca pedimos a dimisión a ningún imputado e neste caso tampouco o imos facer", remarcou, en alusión a que o código ético do PSOE fixa que o momento para a renuncia dos cargos públicos é o da apertura de xuízo oral.

Con todo, o socialista deu lectura ao punto do documento de Compostela Aberta que obriga a dimitir ao abrirse unha investigación por delitos vinculados á corrupción. "Nós non coñecemos os cargos polos que está sendo investigado. Se algún coincide cos formulados, supoño que eles o cumprirán", resolveu.

Ademais, preguntado sobre a decisión de Duarte de formular ao alcalde que traspase as súas competencias sobre Licenzas e Disciplina Urbanística a outro edil mentres dure a investigación, Paco Reyes recordou que el xa pediu "unha remodelación do goberno""á vista da situación creada" entre o concelleiro en cuestión e o persoal da súa área.

O BNG CRE QUE DANA A IMAXE AS MAREAS

Finalmente, o voceiro do BNG, Rubén Cela, defendeu unha vez máis a separación entre o ámbito xudicial e o político para reivindicar, no primeiro caso, a presunción de inocencia de Duarte e de calquera persoa investigada. Non obstante, apuntou ás distintas organizacións políticas para decidir o seu "nivel de autoesixencia" á hora de esixir dimisións.

Aludiu así a que Compostela Aberta se presentou aos comicios locais, tras "catro anos especialmente tumultuosos con casos xudiciais" no Pazo de Raxoi, coa rexeneración democrática como "un das súas bandeirolas".

"Unha das cousas coas que se comprometeu foi cun código ético que aborda expresamente o cesamento inmediato de todos aqueles cargos imputados por delitos de corrupción", recordou o nacionalista, antes de engadir que corresponde a Compostela Aberta decidir "se quere facer unha interpretación de que este caso non se axusta ao tipificado" no seu propio documento.

Pola súa banda, argumentou que el dimitiría, tanto por "compromiso" coa súa formación -porque a súa imaxe a vai danada- como por "coherencia", pois no Pazo de Raxoi houbo "moita xente nesa situación e hai que ter a mesma vara de medir para todo o mundo".

Dito isto, sobre a posibilidade de que Duarte sexa apartado das súas competencias en Licenzas e Disciplina Urbanística, as relacionadas coa investigación, Rubén Cela defendeu que é "o mínimo dos mínimos". E, tras facer fincapé en que el non pasaría "un minuto máis" como concelleiro, deixou claro que a súa opinión sobre el é que "é unha persoa honesta, honrada e íntegra".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 11 comentarios

8 Roque Vilariño

Que ridículos sodes os servos do BNG e os lacaios das Mareas de Podemos. Por certo, sabedes cando se celebra a próxima merenda de La Voz de Su Amo? É para mandar á Pontón e ao Villares a aplaudir, agora que xa están viciados!

7 De la street

A ver hombre: "Comprométome a dimitir lo juro por el niñojesús se me acusan de tráfico de influencias ou de favorecer a terceiros". QUÉ E O QUE NON ENTENDEDES? Estades mareados ou que?

6 Galahaz

Duarte Correa, un desvergoñado, se tivese algo de decencia dimitiría; Rubén Cela, un mediocre, se tivese algo de decencia dimitiría.

1 Fulgencio

Ti si que eres grandioso que escribes comentarios en Interné

5 LKI

Cela representa moi ben o BeNeGá actual. É o que pasa cando te convertes en can de présa do PePe/PeSoE contra as Mareas: que te podes pasar de rosca con facilidade e acabar sendo máis papista que o papa. Quen naceu cipayo, cipayo morrerá.

1 LKK

A Duarte pasoulle como ao fillo do Black Espinar que lle teñen mania polo bo que está

4 Estralampa

Eu também creo que Cela devería dimitir!!!

1 Meleiro

Claro foi o único que lle fixo oposición ao PP catro anos e agora é o único que fai propostas sensatas ao goberno disparatado do escondeacalva. Que dimita xa