Por Manuel Vilas | Santiago de Compostela | 02/12/2016 | Actualizada ás 08:00
A Consellería de Cultura acaba de adxudicar á Fundación Pública Galega Camilo José Cela un contrato para a “adquisición de obras de arte e diversos fondos artísticos da Fundación”. A Administración Galega pagará máis de 103.000 euros por parte dos fondos da fundación do premio Nobel.
O curioso do asunto é que o presidente do patronato da Fundación é o propio conselleiro de Cultura. É dicir, a Xunta está mercando bens dun ente do sector público -a Fundación- para engordar o fondo patrimonial doutras entidades públicas: o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) de Santiago e o Museo de Belas Artes da Coruña.
Fondos dunha fundación pública poden acabar en mans privadas?
Cales son os motivos do Goberno Galego para realizar esta transferencia? Que parte do patrimonio do escritor está a comprar a Xunta? GC realizou estas preguntas á Consellería de Cultura.
O Goberno Galego sinala que “ante a posibilidade de que a venda dos fondos da Fundación puidese derivar cara a mans privadas, a Comunidade Autónoma estableceu o procedemento de adquisición de fondos de interese para centros artísticos e museísticos de xestión autonómica”.
A Consellería non aclara que está a comprar exactamente. Cómpre lembrar que a Fundación posúe un importante catálogo de manuscritos, cartas, cadros regalados ao escritor, fotos e recoñecementos persoais de Cela. Iso si, a Administración asegura que esta compra “levouse a cabo co informe positivo do Consello Superior de Valoración de Bens Culturais”.
A Xunta di que xa abonou a condena pola herdanza
Tamén hai que ter en conta que a Xustiza condenou á Fundación a pagar máis de 1,18 millóns de euros ao fillo do literato. Camilo José Cela Trulock denunciara porque a última muller do Nobel, a polémica Mariña Castaño, saldara cun simple cadro de Miró a lexítima parte da herdanza. A Xustiza deulle a razón tanto en primeira instancia (2010) como no Supremo (2014). Como consecuencia, a Xustiza condenou á Fundación, e polo tanto á Xunta, a pagar parte desa herdanza lexítima.
Malia que a auditoría da Fundación Pública asegura que a “Fundación decidiu provisonar o importe da condena no exercicio 2010”, o certo é que uns seis anos despois,a 31 de mazo dese ano, non existía constancia do pago. Daquela a auditora da Fundación explicaba que estaba “pendente” a “aprobación do acordo con D. Camilo José Cela Conde”.
Pouco despois, o 12 de maio Cultura anunciaba nunha nota de prensa que chegara a un acordo con Cela Conde. A Fundación comprometía a entregarlle a Casa do Ferrocarril en Padrón “un total de vinte obras”. “Unha relación de bens mobles inclúe dúas táboas góticas e dezanove obras de arte de autores comtemporáneos, entre as que destacan unha cera sobre papel de Picasso e dúas acuarelas de Miró”, concretaba o goberno. O acordo, segundo a Xunta tamén prevé que estes bens seguirán na Fundación polo menos dez anos.
O inventario non estaba listo esta primavera
Por último, hai que sinalar que a Fundación, segundo figura nas súas contas de 2015, non tiña completado o seu inventario. A data de 18 de maio, a auditora afirmaba que “a fundación atópase en proceso de re-catalogación e revaloración do seu inventario porque non dispón dun documento definitivo dos mesmos”. A resolución do contrato de compra foi asinado o 2 de novembro.
A Fundación, creada en 1986, era orixinalmente de titularidade privada pero, ante os problemas causados pola polémica xestión de María Castaño, a Xunta decidiu, malia a política de adelgazamento do sector público, asumir a súa titularidade en 2010.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.