Por Galicia Confidencial | Vila de Cruces | 20/12/2016 | Actualizada ás 09:15
A regueifa segue viva, ou, cando menos, nalgúns centros escolares. O alumnado da materia RIOV (“Regueifa e improvisación oral en verso”) do IES Marco do Camballón acaba de presentar a “I Festa de Repente: A regueifa está na rúa” que terá lugar o día 21 de decembro no bar Txapela , en Vila de Cruces
A organización deste evento corre a cargo de trece alumnas e alumnos de segundo da ESO. O motivo da festa é promover a regueifa por toda Galicia xa que esta actividade, que perdeu os mellores regueifeiros nos últimos anos, está a vivr unha época de revitalización grazas á chegada dunha nova xeración de repentistas.
Con este evento o alumnado da materia RIOV de segundo da ESO quere que “esta actividade rexurda xa que ao regueifar estanse desenvolvendo habilidades lingüísticas, comunicativas e de relación social, e educación en valores e autoxestión, ademais de poder converterse nunha actividade de entretemento e diversión”.
“Somos 13 alumnos e alumnas de segundo da ESO. Estamos aprendendo a improvisar cantando en verso e cada vez somos máis os rapaces e rapazas que nos animamos”, suliñan nun comunicado. Tamén lembran que realizan esta festa para animar a xente a improvisar e tamén para “divertirse un pouco".
A regueifa ou improvisación oral en verso consiste en crear unha estrofa de catro versos octosílabos, cantando, co propósito de que rime o segundo co cuarto.
A iniciativa forma parte do Proxecto “ REGUEIFESTA”, unha iniciativa para promover a improvisación oral en verso no mundo do insino impulsada polo IES Marco do Camballón de Vila de Cruces e do IES Maximino Romero de Lema de Baio. O Proxecto Regueifesta ten como un dos seus obxectibas educativos a educación en valores e a autoxestión.
Adiante coa improvisación!
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.