Por Xurxo Salgado | Compostela | 29/12/2016 | Actualizada ás 08:00
A Xunta de Galicia remata o ano con regalos de Nadal dos orzamentos públicos para os grandes medios do país. Novamente, e como xa leva feito ao longo dos últimos tempos, o goberno de Núñez Feijóo destinará máis de 335.000 euros ( IVE incluído) en catro campañas publicitarias de dous acordos marco diferentes.
Así, do Acordo Marco dos servizos de elaboración, produción e plan de medios de campañas institucionais da Xunta de Galicia en datas relevantes para a Comunidade Autónoma durante o período 2015-2016, a Secretaría Xeral de Medios aprobou unha campaña de promoción do consumo do produto galego no Nadal para os principais medios galegos por un valor de 130.290,00 € sen IVE.
Por outra banda, destinará máis de 147.000 euros sen IVE para tres campañas que non especifica dentro do Acordo Marco para o servizo de difusión de actuacións públicas específicas da Xunta de Galicia en xornais impresos para o ano 2016. Esta tres campañas, das que non se especifica o contido, divídense nunha campaña de 80.253,41 € sen IVE e de outras dúas por importe de 33.435,27 € sen IVE.
Estas axudas son dun acordo marco por un montante total de máis de 206.000 euros sen IVE que saíu a finais de maio e que executa a Axencia Idea, Cretividad y Comunicación. Neste acordo especifícase que: "En cada momento a Secretaria Xeral de Medios establecerá as súas necesidades de difusión de actuacións públicas especificas en calquera das zonas territoriais e iniciará un procedemento para adxudicar o correspondente servizo". E, de feito xo fixo con tres campañas xa executadas.
Tres campañas sen especificar os contidos
Nestas tres campañas, a diferencia das tres actuais, a Xunta si especificou o contido do diñeiro público destinado para fins publicitarios. Foron accións de difusión "Saneamento da Ría de Pontevedra" por un valor de 1.505,92 € sen IVE, difusión "Innovación industrial: a provincia de Lugo como referente galego da aviación non tripulada", por valo de 4.255,34 € sen IVE e acción de difusión "Política social en Ferrol" por valor de 278,05 € sen IVE.
As tres campañas só consumiron escasamente 6.000 euros dos 206.000 previstos no acordo marco. As tres novas campañas aprobadas para o Nadal suman máis de 147.000 euros, case o 75% de todo o orzamentado que chega, curiosamente, a final de ano e cando hai que pechar as contas e os orzamentos.
Galicia Confidencial púxose en contacto a pasada semana coa Secretaría Xeral de Medios para coñecer o por que destas tres adxudicacións e o contido das mesmas –tal e como se especifican nas outras campañas--, e se teñen que ver con execución das partidas orzamentarias anuais dese acordo anual antes de que remate o ano. Polo momento, este departamento non contestou e suliñou que a resposta chegará a final desta semana.
Dous acordos marcos
No que vai de ano, a Secretaría Xeral de Medios aprobou dous acordos marcos de publicidade institucional, o xa mencionado para o servizo de difusión de actuacións públicas específicas da Xunta de Galicia en xornais impresos para o ano 2016 e dtoado de 206.000 euros sen IVE e o Acordo marco dos servizos de elaboración, produción e plan de medios de campañas institucionais da Xunta de Galicia en datas relevantes para a Comunidade Autónoma, dos anos 2015 e 2016, dotado con 1,75 millóns.
Este ten por finalidade a elaboración e execución de campañas de publicidade e de comunicación nos anos 2015 e 2016 coa elaboración dun plan de medios, que inclúa as distintas campañas, e a elaboración, produción e execución desas campañas.
De feito, e amparándose neste convenio a Xunta repartiu nas últimas semanas 80.000 euros para informar o pasado 3 de decembro do día das persoas con discapacidade, outros 80.000 euros para o Día da Violencia de Xénero o pasado 25 de novembro e 67.000 euros para promocionar o día internacional dos animais que tivo lugar a comezos de outubro.
Case once millóns
En total dende principios de ano, o Goberno Galego leva repartido, segundo o cómputo de GC –e sen ter en conta algúns convenios privados ou non publicados--, case once millóns de euros en accións de propaganda en determinados medios de comunicación. Un diñeiro que se reparte, principalmente, entre os grandes medios galegos.
Curiosamente, a última gran repartición de diñeiro público tivo lugar a un mes escaso das eleccións galegas, cando a Xunta destinou 550.000 euros en sendas campañas da Amtega e de Turismo de Galicia. Sen embargo, a Xunta seguiu repartindo cartos aos medios cun goberno en funcións, logo dos comicios. En total, máis dun millón de euros. O último reparto, 341.000 euros para animar a ter fillos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.