A Xunta mantén conxeladas por 7º ano as axudas á tradución

O orzamento para a tradución de obras ao galego e do galego a outras linguas mantense en 200.000 euros, 100.000 menos do que se dedicaba o ano que entrou Feijóo na Xunta, en 2009. A Xunta dedica outros 200.000 euros á adquisición de novidades editoriais con destino á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/01/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

A nova convocatoria da Xunta de subvencións bianual 2017-2018 para a tradución de libros ao galego, e do galego a outras linguas, conta, unha vez máis, cun orzamento de 200.000 euros, cantidade que non variou dende hai sete anos, agás en 2012, que se reduciu a 168.000 euros. Así, a Consellería de Cultura mantén conxelada a partida dedicada á tradución do libro galego en 100.000 euros menos que os que se destinaban no ano 2009, cando Alberto Núñez Feijóo accedeu á presidencia da Xunta.  

Libros da colección de literatura xuvenil galega en inglés.
Libros da colección de literatura xuvenil galega en inglés.

Malia que os datos económicos dos que fachenda o Goberno galego deberían, a priori, permitir recuperar maior capacidade orzamentaria para o libro galego, o certo é que a cantidade destinada a tradución será menor que a que dedicada nos primeiros anos de crise: 282.689 euros en 2008 e 300.000 en 2009.

O orzamento total de 200.000 euros da nova convocatoria distribúese en 120.000 euros para a tradución desde outras linguas ao galego e en 80.000 euros para a tradución desde a lingua galega a outros idiomas. A contía máxima das axudas por obra non superará en ningún caso os 6.000 euros.

AXUDAS Á COMPRA DE NOVIDADES EDITORIAIS

A Secretaría Xeral de Cultura tamén destinará outros 200.000 euros en axudas para a adquisición de novidades editoriais con destino á Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia. 

Biblioteca da Univesidade da Coruña
Biblioteca da Univesidade da Coruña | Fonte: UDC.

O obxectivo destas axudas é mellorar as coleccións das bibliotecas e axencias de lectura públicas, fomentar a lectura en galego e reforzar os servizos bibliotecarios.

Co novo sistema en liña posto en marcha en 2016, este programa de subvencións garante que os centros bibliotecarios poidan poñer ao dispor dos seus usuarios os títulos máis recentes en galego no momento da súa entrada no mercado. Para isto, habilitouse unha plataforma en liña a través da cal o servizo bibliotecario municipal pode xestionar directamente a súa compra de libros entre aqueles títulos que estean incorporados en https://novidadeseditoriais.xunta.gal

Todas as empresas editoras que publiquen en galego poden cargar na plataforma as súas novidades editoriais –editadas entre o 1 de setembro de 2016 e o 29 de setembro de 2017– e tamén se encargan da distribución directa dos libros adquiridos a cada beneficiario.

Este programa de axudas está dirixido a todos os concellos de Galicia que sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura que estean integradas na Rede de Bibliotecas de Galicia, que conten cun horario de apertura ao público dun mínimo de 15 horas semanais, que cubrisen a estatística de bibliotecas do ano 2015 e que teñan informatizada a súa xestión. Ata o vindeiro 6 de febreiro, os concellos interesados poderán presentar as súas solicitudes para participar no programa.

A contía do importe dos fondos bibliográficos, á que poderá acceder cada beneficiario, determinarase en función do número de habitantes do municipio e vai dos 500 euros, no caso dos que teñan menos de 2.000 habitantes, aos 3.500 euros, para os que conten cunha poboación de máis de 50.000 habitantes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta