Por Xurxo Salgado | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/01/2017 | Actualizada ás 12:21
Boas palabras, piropos, comidas e cafés. A relación entre o presidente do Goberno español, Mariano Rajoy, e o ex vicepresidente da Xunta, Xosé Luis Barreiro Rivas, volve ser semellante a que ambos os dous tiveron hai máis de trinta anos, cando militaban no mesmo partido e aspiraban a converterse en grandes dirixentes políticos.
O último encontro entre os dous tivo lugar hai uns días, durante as vacacións de Nadal de Rajoy en Pontevedra. Foi nesta cidade onde os dous se xuntaron e mantiveron unha comida con outros cargos políticos.
Precisamente, Barreiro aludía a estes encontros con Rajoy nunha entrevista realizada este mércores na Radio Galega. “Coñecemonos dende hai 40 anos porque empezamos facendo política xuntos, primeiro en Pontevedra e despois en Santiago", lembrou. "Cando o chamaron a el para substituirme na Vicepresidencia da Xunta pasamos anos sen vernos, pero nunca tiven un problema persoal con el", dixo.
O desencontro
Anos sen verse que foron moitos, case 30, porque Barreiro non encaixou a aposta de Manuel Fraga por quen fora un dos subalternos do vicepresidente, un daquela novo Rajoy, que, con 27 anos era director xeral dependente do propio Barreiro. Despois veu a moción de censura a Fraga, e a “traición” do de Forcarei que o alonxou, definitivamente, do PP.
Foron anos duros para Barreiro. Enclaustrouse na universidade e, desde ese estratéxico escenario, foi vendo pasar dirixentes políticos dunha e doutra cor. Flirteou co nacionalismo de Anxo Quintana, deixouse querer polos socialistas e, finalmente, caíu nas mans do editor Santiago Rey. El, xunto con Blanco Valdés, son hoxe por hoxe, os grandes altofalantes de La Voz de Galicia.
Esa paciencia e ese instinto nato de Barreiro por saber situarse sempre no mellor sitio, tiveron premio e o volveron a aproximar ao Partido Popular cando o nacionalismo do BNG e o PSdeG comezaron o seu declive. Foi entón cando volveu ás raíces e se aproximou a Feijóo e tamén a Rajoy, con quen, durante anos, tivo unha estreita relación.
O primeiro acercamento entre os dous aconteceu hai seis anos. “Teño mellor opinión del que a que tiven num momento da miña vida. Todos nos equivocamos”, dicía nunha entrevista Rajoy de Barreiro. Uns anos despois, en 2014, esa relación consolidábase coa entrega do premio Fernández Latorre, de La Voz, ao ex vicepresidente. Foi o propio presidente español quen lle entregou o galardón.
Desde entón, mestre e alumno volveron a activar esa relación perdida. Por iso, é difícil escoitar críticas de Barreiro Rivas a Rajoy, ao contrario do que facía nos 90 e, sobre todo, logo da crise do Prestige. Todo o contrario, sempre que pode, o politólogo destaca a figura e o saber estar de Rajoy.
Defensa de Rajoy
E volveuno facer este mércores, non en La Voz, senón na Radio Galega. “Despois dos cambios que supuxo a nova política, o único que segue vivo politicamente é el", dixo do presidente español, sabedor que, quizais, esa estratexia aprendeuna hai máis de 30 anos del mesmo, cando o tiña de subalterno.
"Se non se fai política moi ben nesta lexislatura, se o Parlamento non pon as pilas e os grupos cambian os seus posicionamentos actuais, é posible que lle teñamos que pedir a Rajoy que volva presentarse, queira ou non queira, e nese caso eu non sei o que decidirá", engadiu. Un gran consello dun sobrevivinte nato a outro sobrevinte da política.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.