Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 13/01/2017 | Actualizada ás 14:05
Os paseantes pola Zona Vella de Santiago xa non poden pararse na rúa do Preguntoiro a ler a portada de El Correo Gallego. Editorial Compostela, matriz do xornal, perdeu a súa emblemática sede, incapaz de afrontar a enorme débeda que mantén cos bancos.
“O futuro de El Correo Gallego, pendente de ABANCA”, titulaba Galicia Confidencial hai tres meses nunha información que xa detallaba os problemas da editorial para afrontar un pasivo de máis de 16 millóns de euros, sobre todo con Abanca e Lico Leasing. Segundo confirmaron hoxe fontes próximas ao xornal a GC, e tamén publica La Voz de Galicia, a entidade galega quedouse co local do Preguntoiro.
Que La Voz de Galicia indague e publique os números vermellos de El Correo Gallego -revelados por GC en novembro- é algo nunca visto no país. Malia seren competencia, todos os grandes medios galegos soen evitar informar dos problemas económicos dos xornais, protexéndose así uns aos outros.
Por que La Voz dá agora este paso? Ao fin e ao cabo os problemas económicos de Editorial Compostela non son ningunha novidade. Hai case un lustro que mantén un ERE e fontes do seu cadro de persoal confirmaron a GC que teñen problemas continuamente para cobrar as súas nóminas, acumulándose ás veces atrasos de varios meses.
Unha posíbel explicación que deron fontes do sector da comunicación a GC, verosímil pero imposíbel de confirmar a estas alturas, é que haxa ofertas de compra por El Correo. Unha delas podería ser de Prensa Ibérica, quen xa edita Faro de Vigo e La Opinión de A Coruña. Se Prensa Ibérica faise con El Correo sería un duro golpe para La Voz, que vería renacer a un competidor que está contra as cordas.
Hai outro dato que apunta a que a situación económica de Editorial Compostela é moi delicada. Ningunha das súas cabeceiras veu un peso da resolución da axudas da Xunta aos medios polo galego, ditada o último día hábil de 2016.
Iso malia o constante apoio editorial do grupo compostelán a Alberto Nuñez Feijóo e que tanto El Correo Gallego como Galicia Hoxe -que subsiste na web- cumpren os requirimentos de uso da lingua propia (8% para os xornais escritos e máis de cinco traballadores para os xornais dixitais en galego). Cómpre lembrar que, para poder cobrar subvencións, hai que estar ao día do pago de impostos.
Na última auditoría de Editorial Compostela detallábase unhas importantes débedas con diferentes administracións públicas. Por exemplo, da Seguridade Social, os auditores escribiron que “al cierre del ejercicio de 2015 la deuda con la Seguridad Social asciende a 721.743,46 euros” dos cales 400.000 eran a longo prazo e 321.000 a curto prazo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.