A teoloxía de Chao Rego e a obra en galego de Lorca, en ‘Cómaros’

O segundo número da Revista Interdisciplinar de Pensamento Galego xa está dispoñible na Rede en aberto.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 17/01/2017 | Actualizada ás 16:27

Comparte esta noticia

Cómaros. Revista Interdisciplinar de Pensamento Galego, unha iniciativa posta en marcha en 2016 por un colectivo de investigadores galegos, vén de publicar o seu segundo número na Rede. Seguindo co seu compromiso de ser unha canle de implementación do pensamento galego dende unha perspectiva interdisciplinar, a publicación afonda en temas como a teoloxía de Chao Rego, a obra en galego de Federico García Lorca, a contraposición entre imaxinación e innovación, as artes plásticas galegas durante a Guerra Civil e a obra Shola y Angeliño, de Bernardo Atxaga. 

Revista 'Cómaros'
Revista 'Cómaros' | Fonte: UVigo.

“Seguimos traballando co obxectivo de ser unha revista de pensamento galego que se saia do estritamente académico ou científico, sobre todo agora que en Galicia este tipo de publicacións están case desaparecidas”, comenta David Casado, profesor da Facultade de Ciencias da Educación do campus de Ourense, investigador do Departamento de Socioloxía, Ciencia Política e da Administración e Filosofía e director da publicación xunto a Juan R. Coca, do Gir Trans-Real Lab. da Universidade de Valladolid.

Este número, apunta o profesor, “ten unha orientación na que quizais destaque o aspecto literario, pero sempre mantendo esa vertente de análise social, de compromiso coa construción de país, que temos na publicación”.

A revista, electrónica, aberta e de periodicidade anual, naceu para tentar “servir como nó estruturante de todo o pensamento galego” apostando, entre outros aspectos, por potenciar os ensaios sobre ou desde Galicia. “Cómaros síntese parte do espírito que trouxeron consigo as Irmandades da Fala, a Xeración Nós, o Clube Nacionalista alén Nós e incluso o Movemento Niké”, apuntan os seus promotores, que destacan a boa recepción que está tendo a iniciativa, informa Rosa Tedín no DUVI.

SEGUNDO NÚMERO

Este segundo número de Cómaros conta con cinco artigos. O primeiro deles, titulado 'Trazos antropolóxicos na obra de Chao Rego', está asinado por Manuel Rivas García e nel realízase “un percorrido polas cuestións antropolóxicas que son tratadas nas súas obras polo teólogo Xosé Chao Rego”, abordando o seu pensamento sobre Galicia, a súa historia e o seu futuro.

Séguelle un texto de Rebeca Baceiredo sobre 'Distopía: algunhas bases modernas dunha imaxinación violenta'. Nel afóndase na relación entre innovación e imaxinación, apuntando como trala apelación actual á innovación como fonte de progreso “agóchase a perspectiva economicista”.

Luciano Rodríguez presenta neste segundo número un estudo sobre o imaxinario galego dende unha perspectiva andaluza que se plasma nos seis poemas en galego escritos por Federico García Lorca.

Pola súa banda, Javier I. Senín Álvarez analiza 'Os crimes do franquismo nas artes plásticas galegas durante a Guerra Civil española'. Este último traballo explora “a represión levada a cabo por parte do bando nacional triunfante na Guerra Civil a través das obras dalgúns dos máis destacados artistas galegos que viviron nos anos 30”, segundo recolle a publicación. Esta análise da arte galega de 1936-1939, engade, debe facerse “valorando non tanto os aspectos técnicos como o contido das obras, a narración que nos ofrecen, intentando amosar diversas perspectivas sobre a emigración forzosa dos galegos, o derribamento do réxime republicano e o trunfo do franquismo, as prácticas represivas dos nacionais en Galicia, a dor desta nación ou os diferentes tipos de arte combativa”.

Por último, Patricia Arias asina 'Shola y Angeliño, aproximación de Bernardo Atxaga á lingua galega'. Nesta obra, comenta a autora do artigo, o escritor vasco Bernardo Atxaga realiza “un coidado e intelixente exercicio de tradución”. O galego, reflexiona Arias, “sérvelle de base para caracterizar os personaxes deste recoñecido volume da literatura infantil en castelán e para reflexionar sobre os prexuízos e a importancia de respectar a riqueza cultural e lingüística”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta