Denuncian a captura e desaparición en Vigo dunha quenlla marcada para un estudo internacional

A organización Ocearch pide colaboración cidadá para coñecer o paradoiro dun tiburón azul que estaba sendo monitorizado no seu programa global de seguimento e estudo de quenllas. Os datos de GPS sitúan o exemplar na área de Vigo, onde tería sido transportado tras ser capturado por algún buque.

Por Alberto Quian | Vigo | 21/01/2017 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

'Machaca' é un exemplar de quenlla macho duns 2,5 metros de lonxitude e duns 102 quilogramos de peso. O espécime foi marcado o pasado 25 de agosto en Cabo Cod, Massachusetts (Estados Unidos), por investigadores do Woods Hole Oceanographic Institution (WHOI) e pasou a formar parte dun estudo internacional sobre tiburóns, incorporándose ao proxecto de monitorización de diversas especies mariñas que mantén a organización Ocearch en todo o planeta para o seu seguimento, estudo e conservación. Os últimos datos recollidos por GPS sitúan a 'Machaca' na ría de Vigo, onde se lle perdeu o rastro. Os científicos dan por morto este exemplar de Prionace glauca e agora buscan pistas para coñecer cal foi o seu destino.

O proxecto Global Shark Tracker ten rexistrada toda a ruta da quenlla 'Machaca' até chegar á ría de Vigo , onde se lle perdeu o rastro
O proxecto Global Shark Tracker ten rexistrada toda a ruta da quenlla 'Machaca' até chegar á ría de Vigo , onde se lle perdeu o rastro | Fonte: Ocearch.

Os datos do GPS especifican toda a ruta que seguiu este tiburón azul dende a costa atlántica norteamericana até Galicia, a onde tería sido transportado trala súa captura por algún buque palangreiro. Os últimos datos xeolocalizados do exemplar sitúano entre o 27 de decembro de 2016 e o 5 de xaneiro de 2017 entre Vigo e O Morrazo, onde hai unha importante industria frigorífica e de elaboración de pescado.

"Cremos que 'Machaca' foi capturado por palangreiros en augas internacionais ao sur dos Grandes Bancos —parte da plataforma continental de América do Norte, no Atlántico, ubicada ao sueste e sur de Terranova e Labrador—", denuncian dende Ocearch, cuxos científicos, baseándose nos datos obtidos da monitorización do animal, aseguran que o espécime "está agora en Vigo, España", o porto de Europa con maior volume de comercio de quenllas.

Precisamente, o porto vigués foi sinalado en agosto de 2015 por xornalistas da publicación alemá Unterwasser.de como “o centro comercial máis grande en Europa de carne de tiburón, encuberto, por suposto”. Como recolleu o xornal dixital Vigo al minuto, o traballo de investigación dos xornalistas xermanos, feito con cámaras ocultas e titulado 'Carnicería en Europa', apunta a que o 30% de todas as aletas de quenlla comercializadas no mundo proveñen de Europa, e "Vigo é un dos seus eixos principais". Ademais, o 98% de todas as quenllas capturadas no Atlántico cóbranse mediante o palangre e só entre 2004 e 2010 a poboación de tiburóns descendeu, pola caza intensiva, unha media do 75%. 

O caso de 'Machaca' evidencia, para os científicos de Ocearch, "o destino dos aproximadamente 400.000 tiburóns azuis que son capturados cada ano na pesca con palangre no Atlántico Norte" e sinalan directamente aos "buques rexistrados en España, Xapón, Portugal, Estados Unidos e Venezuela" como principais responsables da captura masiva desta especie, "polo que os esforzos para xestionar de maneira sostible a poboación de quenllas requerirá cooperación internacional", advirten.

Os datos de GPS sinalan que a quenlla 'Machaca' foi trasladada primeiro a Vigo e despois até o Morrazo, onde se lle perde a pista o 28 de decembro de 2016
Os datos de GPS sinalan que a quenlla 'Machaca' foi trasladada primeiro a Vigo e despois até o Morrazo, onde se lle perde a pista o 28 de decembro de 2016 | Fonte: Ocearch.

A perda deste exemplar debe tamén servir como "un importante recordatorio do crucial que é xerar datos sobre estas asombrosas criaturas para contribuír á súa conservación", subliñan dende Ocearch.

Os científicos non están dispostos a pasar por alto a captura e desaparición de 'Machaca', polo que están solicitando colaboración a calquera persoa que poida aportar información que permita coñecer cal foi o seu destino, para o cal facilitaron unha dirección de correo electrónico: info@ocearch.org.

OCEARCH

Ocearch é unha organización científica sen fins de lucro dedicada ao estudo biolóxico e seguimento de diversos exemplares de especies mariñas mediante sinal por satélite, recollendo datos da ubicación dos espécimes monitorizados miniuto a minuto. 

Fundada por Chris Fischer, Ocearch comparte datos case en tempo real sobre a situación e evolución dos exemplares monitorizados a través do seu proxecto Global Shark Tracker, co que xa se completaron 26 expedicións en todo o mundo e que se realizan a bordo do MV Ocearch, que serve como un laboratorio no mar. Máis de 131 investigadores de 59 institucións de todo o mundo asociáronse con Ocearch.

Global Shark Tracker está ademais dispoñible nunha aplicación para dispositivos Apple e Android.

As expedicións Ocearch e as súas plataformas dixitais contan co apoio de Costa Sunglasses, YETI, Yamaha, Contender, SAFE Boats e oneQube.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Un moañés

Acabou en Fandicosta, fijo. Os da nave queimada son comercializadores de aleta dende hai anos, que acaba normalmente sendo exportada para Xapón unha vez procesada.