SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/01/2017 | Actualizada ás 17:41 por EUROPA PRESS
O proxecto 'Vida. Máis ca vida', impulsado polo director Rubén Riós co apoio de Afundación, nace co obxectivo de achegar os escolares á vida cotiá das persoas con diversidade funcional.
A proposta está composta por unha curtametraxe e un documental, no que a ficción e a realidade se entrelazan contando a historia de Pablo e Elena, ofrecendo unha visión da complexidade das relacións humanas a través dos seus sentimentos, as súas preocupacións e as súas ansias de superación e autonomía.
Na presentación desta iniciativa, o patrón de Afundación, Marcelino Agís, enmarcou esta proposta de "intensa carga emocional" na "defensa da igualdade das persoas", a través da promoción de valores como a intelixencia emocional, o respecto, a solidariedade, a empatía ou a defensa da autonomía persoal.
As sedes de Afundación de Vigo, A Coruña, Pontevedra, Ferrol, Santiago e Ourense acollerán sesións ao longo do próximo mes de febreiro, destinadas ao alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de Eso.
Tras as proxeccións, ademais, celebraranse charlas-coloquio nas os estudantes que asistan terán a ocasión de dialogar e coñecer de primeira man tanto o director como os protagonistas.
O propio Riós definiu a obra como "unha bóla de neve que vai baixando pola montaña" co fin de "facer reflexionar" aos mozos a través "o amor" e dende o punto de vista da "diversidade de capacidades", para "facer ver e pensar".
Trátase dunha iniciativa que "reflexiona sobre a preparación e o proceso" e que busca "permanecer no tempo", instando a aproveitar as alfombras vermellas e a visibilidade que ofrece o audiovisual para traballar "por algo máis" que polo entretemento.
Así mesmo, insistiu na importante de dirixirse ao público escolar, que serán os futuros profesionais. "Moitas veces ese mozo inquedo, que non estuda, merece un trato e unha proximidade e un cariño", considerou, destacando que esa "proximidade" fai "grandes" ás persoas independentemente de que sexan "un actor ou un carpinteiro".
LOGRAR "A PLENA INCLUSIÓN"
O acto de presentación contou coa presenza de representantes de diversas entidades, como Xavier Puig, presidente do consello xeral de Educadores e Educadoras Sociais de España, Mariló Candedo, presidenta de Nova Escola Galega, ou a directora xeral de Maiores e Persoas con Discapacidade da Xunta, Fabiola García.
Neste sentido, a responsable autonómica destacou o traballo das persoas minusválidas que traballaron na rodaxe, "representan o mellor exemplo de que este colectivo é capaz de que traballar axustado en calquera ámbito".
"'Máis ca vida' é unha ventá ao día a día de persoas como Óscar Rodríguez e Mónica Ferreiro -protagonistas do curto-", sinalou, que busca aproximarse ao espectador a través da "concienciación" e animando a traballar para lograr "a plena inclusión das persoas con diferentes capacidades".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.