VIGO | 24/01/2017 | Actualizada ás 19:56 por EUROPA PRESS
O expresidente da Deputación de Pontevedra e actual presidente da Federación Galega de Fútbol, Rafael Louzán, solicitou á xuíza de instrución número 7 de Vigo prestar declaración no marco da coñecida como Operación Patos, na que está sendo investigado e sobre a que se acolleu ao seu dereito a non declarar cando foi citado en febreiro de 2016.
Segundo puido saber Europa Press, a defensa de Louzán remitiron un escrito ao xulgado vigués no que suplica que sexa admitida a petición do expresidente da Deputación para prestar declaración.
Louzán é un dos implicados nesta causa, na que se investigan supostas irregularidades na adxudicación de obras e contratos públicos, e na que tamén están sendo investigados o dono da construtora Eiriña; traballadores de Cespa; funcionarios de varias administracións; concelleiros do PP e do PSOE de Vigo; o alcalde vigués, Abel Caballero; ou a exdelegada da Xunta, María José Bravo Bosch, entre outros.
No caso de Louzán, investígase a súa participación en supostas irregularidades en contratos de obras de varios campos de fútbol, obras de saneamento e abastecemento en varias localidades da provincia de Pontevedra, a reforma dun centro social e outras actuacións. Tamén se lle atribúe a suposta recepción de regalos da empresa Eiriña.
COMPARECENCIA ANTERIOR
O pasado 17 de febreiro de 2016, o expresidente da Deputación compareceu ante a xuíza pero, nese momento, acolleuse ao seu dereito a non declarar, alegando que prefería esperar a que se resolvesen as peticións de nulidade presentadas por algunhas das partes.
En todo caso, á súa saída dos xulgados de Vigo, Rafael Louzán proclamou a súa inocencia, e insistiu en que non ten "nada que ocultar". Con respecto ás obras investigadas, descargou toda a responsabilidade no "extraordinario equipo de funcionarios" da Deputación, que son os que "tramitan" as actuacións.
Nesa liña, asegurou que non adoptara ningunha decisión para beneficiar a Eiriña, e tamén negou recibir regalos da construtora en pagamento dalgún favor político ou administrativo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.