Sindicatos denuncian novo colapso no Álvaro Cunqueiro e o Sergas garante medidas ante a "alta frecuentación"

Sanidade recorda que se abriron camas no novo hospital e no Meixoeiro, e se reforzou equipo

Vigo | 31/01/2017 | Actualizada ás 19:15 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

Os sindicatos volveron denunciar este martes un novo "caos" no servizo de Urxencias do Hospital Álvaro Cunqueiro (HAC), con acumulación de pacientes á espera de camas, mentres que o Sergas garantiu que se adoptaron e se adoptarán todas as medidas necesarias para responder a esta situación de "alta frecuentación" neste servizo.

A executiva comarcal da Federación de Sanidade de CC.OO. insistiu en que esa situación é a consecuencia dos "recortes" de camas e de persoal, tanto en áreas de hospitalización (do HAC ou do Hospital Meixoeiro), coma de observación ou en quirófanos.

Segundo CC.OO., o colapso deste martes (con case medio centenar de pacientes en Urxencias a primeira hora da mañá) "non é un problema puntual", senón resultado de recortes e "privatización da xestión", que non solo ocasiona problemas neste servizo, senón que tamén xera "unha marca en listas de espera".

Por iso, o sindicato reclamou un "plan de choque", "imprescindible" para solucionar os "graves problemas" que sofren os cidadáns da área sanitaria de Vigo. Así, reclaman a apertura de todas as camas do Meixoeiro durante todo o ano, o desdobramento dos cuartos do HAC, apertura de quirófanos, etcétera. E todo iso cos recursos técnicos e humanos correspondentes.

RESPOSTA DO SERGAS

Pola súa banda, a xerencia da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo asegurou que se están a adoptar "todas as medidas necesarias para dar resposta á alta frecuentación" que se rexistra en Urxencias estes días.

Así, recordou que se abriu unha á con 30 camas na terceira planta do Meixoeiro para pacientes de Medicina Interna e Xeriatría (que levaba máis dun ano inoperativa), co correspondente incremento de persoal: un médico, 12 enfermeiras, 9 técnicos de coidados especializados de enfermaría (TCAE) e un celador. Tamén aseguraron fontes sanitarias que a segunda á desta planta "está en condicións de recibir pacientes no momento en que sexa necesario".

O Sergas recordou que as Urxencias do HAC están a experimentar unha maior presión da habitual, debido á gripe e a patoloxías respiratorias. Así, este luns atendeuse a 474 pacientes adultos (a cifra máis alta dende que abriu o novo hospital), un 41,4 por cento máis da media, dos que case un 20 por cento requiriu ingreso hospitalario.

Por outro lado, Sanidade tamén apuntou que, nos últimos días, se duplicaron máis camas no HAC, polo que actualmente ten 52 máis habilitadas. A iso súmase o reforzo de persoal en Urxencias, cun médico, unha enfermeira, un TCAE e un celador.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta