Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2017 | Actualizada ás 12:53
Iniciativa novidosa e, sobre todo, simbólica polo seu significado. Rosalía de Castro dará o nome a un avión, pero non será un avión calquera, será o avión que simbolice o papel que a escritora tivo na "recuperación do galego como lingua de cultura".
Unha visión da cultura do país que non ven de ningunha compañía aérea española, senón da compañía Norwegian que con este xesto "quere reivindicar o seu dobre papel pioneiro, na recuperación do galego como lingua de cultura e o seu papel como matriarca das letras galegas por un lado, e na emancipación da muller polo outro", segundo explicou Miguel Urresti, responsable de Mercadotecnia de Norwegian en España.
"En ambos os dous aspectos, Rosalía mostrou a senda que multitude de mulleres e homes seguiron ao longo do últimos século e medio. Esta é, ademais, a nosa achega ao 180 aniversario do nacemento da autora", abundou.
Sexta personaxe histórica
Con Rosalía, segundo informa a compañía, xa son seis as figuras da historia e literatura españolas que adornan os avións de Norwegian. En concreto, trátase dos navegantes Cristóbal Colón e Juan Sebastián Elcano, os autores Miguel de Cervantes e Gloria Fuertes, e a sufraxista Clara Campoamor.
O avión que levará a figura de Rosalía de Castro será un novo Boeing 737-800, de 186 prazas. A montaxe da imaxe da autora galega, que "se xerou durante meses", segundo informa a compañía aérea, levarase a cabo no hangar de Norwegian en Oslo durante o próximo mes de marzo.
A flota de Norwegian --con unha idade media de 3,6 años-- é unha das máis novas de España e Europa e componse de 121 avións: 109 Boeing 737-800 para as rutas de curto e medio radio, e doce Boeing 787 Dreamliner, en uso para as rutas de longo radio.
A imaxe da escritora galega, proporcionada pola fundación que leva o seu nome e que colaborou desinteresadamente no asesoramento documental, tamén inspirou a última serie de billetes de 500 pesetas, emitida pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre entre 1982 e 1987, segundo expón a compañía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.