Case 4.000 traballadores da Xunta poden ser despedidos sen indemnizacións

Un avogado especializado en Dereito do Traballo di que se quere "chantaxear" aos empregados públicos temporais e recoméndalles que denuncien xudicialmente para lograr o seu recoñecemento como persoal indefinido. Os sindicatos critican duramente a medida e Facenda di que a nova lei recolle "expresamente" futuras compensacións.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 02/02/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A  Lei de Medidas Fiscais, Administrativas e de Ordenación, que actúa como lei de acompañamento aos Orzamentos da Comunidade, pode provocar que case 4.000 traballadores da Xunta poidan ser despedidos sen recibir compensacións económicas. Esta normativa, que será aprobada este febreiro, recolle a posibilidade de cesar a estes empregados públicos con vínculo laboral temporal sen abonarlles indemnización algunha.

Concentración de funcionarios en San Caetano
Concentración de funcionarios en San Caetano

Entre os cambios normativos que inclúe esta lei de acompañamento atópase a creación dunha disposición transitoria primeira bis na Lei 2/2015, de 29 de abril, de Emprego Público de Galicia, que pasa a regular ao persoal laboral temporal que desempeñe postos de traballo de persoal funcionario, que será o principal afectado por esta nova normativa.

Nas administracións públicas autonómicas conviven tres tipos diferentes de empregados; o persoal funcionario (vínculo administrativo e sometido a normativa de función pública); o persoal estatutario (presente exclusivamente nos servizos de saúde, con vínculo administrativo e rexido polo seu propio Estatuto Marco); e polo último, o persoal laboral (vínculo laboral rexido polo Estatuto dos Traballadores e o Convenio Colectivo que lle resulte de aplicación, sen prexuízo do respecto á normativa de función pública).

Os funcionarios temporais

Dentro do colectivo do persoal laboral, que esta formado por milleiros de empregados públicos en Galicia, unha alta porcentaxe deles atópanse contratados temporalmente e, a inmensa maioría deles, en fraude. Segundo apunta Fabián Valero Moldes, especialista en Dereito do Traballo, Seguridade Social e persoal ao servizo das Administracións Públicas, “nin a normativa nin a xurisprudencia establecen ningún tipo de indemnización no caso do cesamento dun funcionario interino”.

Protesta dos funcionarios polo recortes diante da EGAP
Protesta dos funcionarios polo recortes diante da EGAP

Pola contra, o Estatuto dos Traballadores e a xurisprudencia si que establecen dereito á indemnización para o caso do cesamento do persoal laboral temporal ou do persoal laboral con contrato de interinidade. A protección dos empregados públicos temporais con vínculo laboral incrementouse recentemente tras as sentenzas do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, de aí este cambio normativo que agora executa a administración galega.

Que é o que pretende entón a Xunta con esta Lei de acompañamento?. Segundo apunta este avogado especialista no seu blogue, o que a Xunta quere conseguir é “cesar a miles de empregados públicos temporais sen abonarlles indemnización algunha, pero tamén, impedirlles ser indemnizados no futuro a pesar de estar contratados anteriormente de forma fraudulenta”.

A disposición transitoria que a Xunta, suliña, tenta pór en marcha establece que procederá a transformar miles de prazas de persoal laboral en prazas de persoal funcionario. “Ante este cambio na natureza da praza, os empregados públicos temporais con contrato laboral que as ocupan só terán dúas opcións, ou aceptar que o seu contrato de traballo temporal se transforme nun nomeamento como funcionario interino, ou ben o seu cesamento”, engade.

“Sexamos claros. A Xunta de Galicia pretende chataxear, (non hai outra expresión que poida definilo), aos empregados públicos máis vulnerables e precarios, que son os traballadores temporais. Pretende obrigarlos a escoller entre pan para hoxe (aceptar o cambio de nomeamento e manter o vínculo uns meses) ou fame para mañá (ser cesados no primeiro concurso de traslados de persoal funcionario sen dereito a ningún tipo de indemnización)”, apunta.

Que teñen que facer os afectados?

Os traballadores que teñan a condición de indefinidos por sentenza polo menos terán a opción de ser indemnizados a razón de 20  días por ano traballado e posteriormente inscribirse nas listas de contratación, e mesmo defender a nulidade ou improcedencia do seu cesamento. Con todo, todos aqueles que non teñan denunciando a fraude da súa contratación non terán outra opción que aceptar o cambio á condición de funcionarios interinos e a perda dos seus dereitos previos, pois non se lles ofrecerá indemnización algunha.

“Se algo está claro nestes momentos é que os empregados públicos da Xunta de Galicia cun contrato laboral temporal que poida estar en fraude deben denunciar xudicialmente esta condición para lograr o seu recoñecemento como persoal indefinido. Só desta forma poderán loitar de forma efectiva fronte á chantaxe da Xunta de Galicia, tendo opcións de anular o seu cesamento ou polo menos de ser indemnizados”, apunta Fabián Valero.

Críticas dos sindicatos

Tamén os sindicatos alertan desta situación e chaman a este colectivo a tomar medidas.  “O que pretende a empresa (Xunta de Galicia) é despedir aos traballadores temporais sen indemnización ningunha”, denuncia CIG-Autonómica. Unha situación que, di, tamén afrectará aos fixos que queden nas prazas que se funcionaricen xa que quedarán "a extinguir", “polo que perden os dereitos de concursar ou promocionar.”.

Este sindicato tamén critica que estes litixios vaian “aos xuzgados do contencioso administrativo, onde a Xunta ten as portar xiratorias ben engraxadas e non teñen problemas para gañar, aínda que non teñan razón”, e apuntan o caso do titular do xulgado nº2, ex director xeral da asesoría xurídica da Xunta de Galicia.

Tamén a Central Sindical Independente e de Funcionarios (CSIF) acusou á Consellería de Facenda de tratar de "burlar por lei" o dereito á indemnización dos milleiros de traballadores temporais da Xunta.

Este sindicato denuncia que Facenda planea, por lei, "converter todo o persoal laboral temporal en funcionarios interinos", coa intención de "evitar o pagamento" da indemnización. Así, lembra que no ámbito da Función Pública galega, a taxa de temporalidade do persoal laboral temporal supón o 36% do total do equipo de todo o persoal laboral. É dicir, en caso de despedimento, engade, máis de 3.600 traballadores temporais suxeitos ao réxime do dereito laboral terían dereito a ser indemnizados con 20 días por ano traballado.

Facenda cualifica de “falsas” as acusacións

Pola súa banda, Facenda nega estas acusacións, que cualifica de “falsas”, e explicou nun comunicado que na Lei de Emprego Público de 2015 estableceuse unha disposición transitoria 1ª que estableceu os procesos de funcionarización do persoal laboral fixo.

Ademais, lembra que Goberno galego que se pactou cos sindicatos (en setembro de 2016) para desenvolver xa estes procesos no ámbito de bombeiros forestais e do Consorcio, pero a lei de Emprego "non recollía que pasaba se as prazas que se funcionarizan estaban ocupadas por persoal laboral temporal".

Agrega que era necesario prever que pasaba nestes casos. Por iso, introdúcese unha disposición transitoria 1ª BIS (que complementa a xa existente), que establece que cando se modifiquen as Relacións de Postos de Traballo e se determinen as prazas que pasarán a ser ocupadas por funcionarios, se esa praza a ocupaba temporalmente persoal laboral temporal, agora a seguirá ocupando de forma temporal como persoal funcionario interino "para evitar discriminacións".

Esta disposición transitoria BIS recolle "expresamente" -remarca Facenda- que, en caso de extinción da relación laboral, "se procederán a efectuar as compensacións indemnizatorias pertinentes precisamente para garantía dos traballadores".

Os novos artigos da lei

O que recolle a disposición transitoria primeira bis na Lei 2/2015, de 29 de abril, de Emprego Público de Galicia:

Persoal laboral temporal que desempeñe postos de traballo de persoal funcionario

1.- A aprobación das correspondentes relacións de postos de traballo polo Consello da Xunta de Galicia de acordo coas previsións do parágrafo 2 da disposición transitoria primeira determinará, de acordo co establecido nos artigos 26 e 38 desta lei, a transformación en postos de traballo de natureza funcionarial daquelas postos vacantes que viñesen sendo desempeñados por persoal laboral temporal.

Ou persoal laboral indicado poderá seguir desempeñando as súas funcións, de acordo co establecido nos apartados seguintes desta disposición.

2.- Coa finalidade de facer posible o cumprimento das normas establecidas nesta lei en canto aos postos que deben ser cubertos por persoal funcionario, os principios de organización, racionalización e ordenación do persoal, así como para homoxeneizar o réxime xurídico e condicións de traballo aplicables a leste, en orde a facilitar unha eficaz prestación dos servizos públicos, a administración expedirá un nomeamento de natureza funcionarial interina, no correspondente corpo ou escala de clasificación, ao persoal laboral temporal que, de acordo co establecido no apartado anterior, ocupe postos previstos como de natureza funcionarial nas relacións de postos de traballo, sempre que reúna os requisitos para a ocupación do posto e fose seleccionado como laboral temporal segundo vos procedementos de acceso á condición de laboral temporal establecidos pola normativa vixente.

Este nomeamento requirirá a aceptación polo persoal interesado e suporá a novación da relación xurídica existente coa administración, sen solución de continuidade na prestación dos servizos, e a transformación daquela nun vínculo xurídico de natureza funcionarial interina, rexido pola presente lei.

Cando as retribucións do persoal laboral sexan diferentes ás correspondentes ao réxime funcionarial, previa negociación coas organizacións sindicais presentes na Mesa Xeral de Empregados Públicos, e de acordo sempre co principio de estabilidade orzamentaria, por decreto do Consello da Xunta de Galicia estableceranse as condicións e os prazos de equiparación retributiva.

3.- No caso de que a relación de postos de traballo prevea a amortización do posto, de acordo coas necesidades de organización do servizo público, nos casos nos que o persoal interesado non aceptase o nomeamento interino previsto no apartado anterior, ou este non fose procedente de acordo co no indicado, e en orde ao cumprimento dos principios establecidos en leste, a administración procederá a efectuar os trámites legais tendentes á extinción da relación laboral, sempre de acordo co establecido na lexislación laboral e coas consecuencias, incluídas as indemnizatorias, establecidas nela.

4.- Os postos de traballo que pasen a ser desempeñados por persoal funcionario interino como consecuencia dos procesos establecidos na presente quedarán suxeitos á súa convocatoria nos concursos de traslados e aos procesos selectivos de persoal funcionario da Xunta de Galicia. 

Complexo administrativo da Xunta en San Caetano
Complexo administrativo da Xunta en San Caetano | Fonte: eldiario.es
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Xan das Bolas

Unha cousa é que os teñan que indemnizar e outra é que non poidan dar por rematados os seus contratos.