Por Xurxo Salgado | Compostela | 02/02/2017 | Actualizada ás 14:49
Galicia é Galicia grazas aos seus montes, as súas praias, o seu mar e os seus campos. Unha paisaxe que conforma un país que, durante séculos, viviu da súa natureza. Por iso, e con ese obxectivo, a Xunta acaba de anunciar unha nova Lei de Patrimonio Natural de Galicia que ten coma obxectivo unha maior protección ambiental e unha maior participación social.
Esta nova figura lexislativa recolle a creación de microreservas, que serán espazos naturais de menos de 20 hectáreas que conteñan hábitas raros ou espazos protexidos. Ademais, tamén aposta pola elaboración dun catálogo de hátitas, especies silvestres e en perigo de extinción, así como a súa posterior regulación.
“É un dos proxectos máis relevantes da lexislatura”, anunciou o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello. “O obxectivo é que a protección ambiental prevaleza sobre a ordenación urbanística”, suliñou ao indicar que, sempre que haxa contradicións entre urbanismo e natureza, “primeiro estará a natureza”.
Garantía financeira
Por iso, destacou que a nova lei obrigará ás empresas que se asenten en espazos naturais a ter unha garantía financeira previa que responderá ante posibles danos sobre o territorio. Tamén se realizarán trámites simultáneos, xa que cando se declare un espazo natural este ten que contar xa cun instrumento de protección.
Por outra banda, tamén haberá axudas para manter e fomentar actividades tradicionais sostibles naqueles espazos naturais que abarquen varios concellos e se aumentará de tres a catro anos o réxime de protección preventivo.
A nova normativa tamén busca que haxa unha maior participación cidadá na protección dos espazos naturais, unha maior colaboración entre institucións, universidades e Xunta e un novo réxime de sancións “máis duro”. Así, as sancións moi graves pasarán a estar penalizadas de 300.000 euros a dous millóns de euros, as graves de 3.000 a 200.000 –antes o máximo era 60.000-- e as leves ata 3.000 euros –antes eran ata 600--.
Feijóo xustificou esta nova lei pola antigüidade da actual, que é de 2001, para “aproveitar a experiencia acumulada” dos últimos 15 anos e para delimitar as competencias dentro da Xunta.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.