Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 07/02/2017 | Actualizada ás 14:00
"Desde a longa etapa na que Galicia foi gobernada por Manuel Fraga (1990-2005), a práctica de subvencionar aos medios de comunicación foi constante por parte dos distintos executivos autonómicos" e este "modelo de subvencións, axudas ou convenios" funcionou dende entón como "unha forma de garantir o control informativo". Tanto, que "a gran dependencia económica dos medios galegos dos poderes públicos impide falar de independencia política, aínda que sexa un dos lemas más repetidos nos seus idearios". Así se constata no proxecto de I+D+i ‘Accountability y Culturas Periodísticas en España. Impacto y propuesta de buenas prácticas en los medios de comunicación españoles’, financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad, que ten como obxectivo fundamental detectar as culturas xornalísticas existentes en distintos territorios de España, así como examinar o impacto dos instrumentos de rendición de contas ou media accountability systems en cada unha destas culturas.
O informe considera "evidente" que "existe un control informativo por parte do poder político en Galicia".
O traballo parte da hipótese de que a cultura xornalística en España non responde a un único modelo de sistema de medios (modelo mediterráneo ou pluralista polarizado), senón que a diversidade de culturas xornalísticas existentes en distintos territorios de España require matizar esta clasificación. O Primeiro Entregable publicado polo grupo de investigación MediaACES, titulado 'Contexto mediático en Andalucía, Cataluña, Galicia, Madrid, País Vasco e Valencia', ten como obxectivo presentar os primeiros resultados do proxecto e que forman parte da FASE A do seu cronograma.
Para levar a cabo este traballo, procedeuse a analizar a realidade comunicativa española das distintas comunidades estudadas para detectar semellanzas e diferenzas. Os distintos aspectos que se teñen en conta no estudo realizado son os seguintes: Aspectos históricos do sistema mediático de cada comunidade; Identificación do paralelismo politico en cada comunidade; Os estudos académicos existentes sobre ética, deontoloxía, calidade informativa ou estudos do xornalismo en xeral en cada comunidade.
O estudo, realizado polos membros do equipo MediaACES, realizouse entre xuño e setembro de 2016, e para o seu desenvolvemento utilizáronse os mesmos padróns de análises. No caso do contexto mediático en Galicia, o estudo foille encargado a Marta Pérez Pereiro, da Universidade de Santiago de Compostela.
DÚAS DÉCADAS DE CONTROL E DENUNCIAS
O uso de cartos públicos para comprar vontades xornalísticas e dirixir as liñas editoriais de distintos medios é unha práctica xa normalizada en Galicia, onde os distintos gobernos se valeron das subvencións, axudas económicas e convenios publicitarios para controlar os medios.
"Xa en 1996, a revista Galicia Internacional denunciaba esta política e a opacidade na publicidade destas axudas, tanto por parte da administración como dos propios medios beneficiados", saliéntase no informe.
O documento tamén destaca os "numerosos casos nos que os profesionais viron obstaculizado o seu labor e os medios se someteron á versión institucional", o cal "evidencia que existe un control informativo por parte do poder político en Galicia".
No caso dos medios de titularidade pública, o informe salienta que a falta de autonomía "se percibe desde o control exercido sobre os profesionais, sometidos en ocasións a listas negras, á configuración da axenda informativa ou a cobertura dos acontecementos noticiables".
Por outro lado, nos medios privados, a súa dependencia ás axudas públicas, principalmente nos grandes medios impresos, "funciona como un modo de controlar a liberdade informativa", prosegue o informe.
Segundo a análise histórica dos medios galegos e a súa relación co poder político, queda evidenciado que o modelo de subvencións, axudas ou convenios preséntase xa desde a época de Manuel Fraga á fronte da Xunta como "unha forma de garantir o control informativo", de forma que —e repetindo o denunciado no artigo publicado no número 11 de Galicia Internacional en xuño de 1996, co título 'A Xunta amamanta á prensa'—, "aleitada polo poder e presionada polo mercado dá publicidade, o espazo de liberdade no que se está a mover a prensa é case inexistente".
Daquela, no ano 1996, as partidas aos medios ascendían a 149,9 millóns de pesetas, cifra que se foi incrementando cada ano. Así, no informe de MediaACES lémbrase que "nos últimos tres gobernos, bipartito do PSOE e BNG (2005-2009) e as dúas lexislaturas seguintes do PP, as denuncias desta situación por parte de profesionais continúan".
"Nunha marcada situación de crise, a importancia das subvencións públicas para a súa supervivencia dificulta seriamente a pluralidade da prensa impresa galega".
GC COMO REFERENTE INFORMATIVO
O estudo toma tamén como referencia unha información de Galicia Confidencial (GC) publicada en 2007 na que se indicaba que "o goberno progresista [PSdeG e BNG] tamén empregaba o mesmo modelo de relación cos medios de comunicación, concedendo «axudas a dedo»".
Logo, con Alberto Núñéz Feijóo (PP) á fronte da Xunta, as partidas millonarias aos grandes medios non cesaron e foron incrementándose até acadar cifras estratosféricas, como vén detallando GC dende entón. Así, o informe de MediaACES dá conta de que desde o ano 2010, o Goberno de Feijoo, a través da súa Secretaría Xeral de Medios, adscrita a Presidencia, convoca cada anos axudas económicas "en réxime de concorrencia non competitiva" para empresas informativas. Axudas que teñen basicamente dúas liñas: por unha banda, axudas xerais para medios en prensa e radio e, por outra, axudas para publicacións escritas integramente en galego.
"Na súa convocatoria máis recente, de 2016, a Secretaría Xeral de Medios concedeu 1.675.000 euros a empresas xornalísticas e de radiodifusión. Algo menos da metade, 709.891 euros, concédense ao Grupo Voz. A gran distancia, o grupo Prensa Ibérica recibe para as súas edicións impresas e dixitais 326.295 euros. O Grupo El Progreso ingresa 196.660 euros, El Correo Gallego recibe 90.086,01 euros, o Grupo A Capital 86.118,78 euros e La Región 20.879,29 euros. Pola súa banda, a Cadena Ser recibiu da administración galega 29.385,47 euros e a Cadena COPE, 91.436,94 euros", detalla o informe elaborado por MediaACES con datos tomados tamén de Galicia Confidencial.
O informe toma como principal referencia os datos aportados por este xornal, salientando as escasas aportacións que o Goberno do PPdeG fixo aos medios publicados integramente en galego, aos que "a administración galega concedeu 41.341 euros, que ascenden a 160.000 despois dunha corrección", sublíñase. "Trátase dunha cantidade moi distante da destinada a medios convencionais, para os que a única condición lingüística das axudas, é que publiquen un 8% dos seus contidos en lingua galega", compara o estudo de MediaACES.
O documento tamén fai fincapé en que "ademais destas axudas publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG), a Xunta ten outros mecanismos de axuda como os convenios con consellerías ou con organismos particulares nos que non media concurso nin hai obrigación de dar publicidade aos acordos".
Para os investigadores, "resulta elocuente deste tipo de axudas a investigación conxunta realizada polos medios Galicia Confidencial e Novas da Galiza, na que detallan as axudas recibidas por La Voz de Galicia" e cuxo anexo "permite entender a magnitude das axudas que o rotativo recibe da administración galega", dise no estudo.
A PLURALIDADE, EN XOGO
Por último, o informe alerta de que "nunha marcada situación de crise, a importancia das subvencións públicas para a súa supervivencia dificulta seriamente a pluralidade da prensa impresa galega", cuxa independencia será maior canto máis dependa dos ingresos por pagamento directo dos seus lectores e menor canto máis dependa das achegas dos anunciantes ou do capítulo de ‘outras vendas’. "Porén, nas cabeceiras galegas impresas as ‘vendas directas’ representan una proporción dos ingresos notablemente inferior á media española (38%)” e "só Faro de Vigo ten cifras de venda superiores. O resto de rotativas presentan datos de venda directa significativamente inferiores, ao tiempo que, no caso de El Correo Gallego, La Región e El Progreso se disparan os ingresos procedentes de 'outras vendas'".
"Esta dependencia supuxo que moitos asuntos informativos tivesen un tratamento irregular por parte da prensa galega. Este é o caso da crise ambiental e económica provocada polo afundimento do petroleiro Prestige en novembro de 2002", ponse como exemplo no informe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.