Por Galicia Confidencial | Arbo | 08/02/2017 | Actualizada ás 11:25
A liña de alta tensión proxectada por Red Eléctrica de España entre pobos do norte de Portugal e do sur de Galicia será discutida en Europa. E é que a eurodeputada Lídia Senra; e a concelleira de Arbo Fabiola Durán Pedrosa manterán un encontro con Catharina Sikow-Magny, xefa da Unidade B1 - Mercado Interno I: Redes e Iniciativas Rexionais, para analizar a afección desta infraestrutura sobre varios pobos deste concello pontevedrés e do seu veciño de Monçao.
Na reunión, Lídia Senra e Fabiola Durán expoñeranlle á representante da Comisión Europea a súa preocupación por este proxecto entre o alto da Fontefría, na Cañiza, e a fronteira portuguesa para facilitar o intercambio enerxético.
Os veciños de Arbo denunciaron hai tempo na Comisión de Peticións do Parlamento Europeo esta infraestrutura, xa que as torres de alta tensión proxectadas discorren sobre as súas fincas e casas e a CE aceptou levar a cabo unha investigación sobre este tema. Tamén defenderán a opción que propoñen, que se enterren tres quilómetros de cables para salvar un “ecosistema único”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.