Por Galicia Confidencial | Compostela | 09/02/2017 | Actualizada ás 08:00
Acaba de comezar febreiro e a Xunta xa programa o que lle vai destinar aos grandes medios de comunicación de Galicia. E, polo momento, xa son nove millóns de euros o que o Goberno de Feijóo quere distribuír en publicidade e propaganda a conta dos cartos de todos os galegos. Os últimos concursos veñen de Turismo de Galicia que programa dúas campañas por valor de 6,6 millóns de euros.
Se o luns o GC daba conta dos 2,2 millóns de euros que a Secretaría Xeral de Medios destinará aos grandes medios a través de dous acordos marcos para realizar distintas campañas publicitarias no 2017 e 2018, desta volta é a Axencia Turismo de Galicia a que busca axencias de comunicación para a elaboración, produción e plan de medios da campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia durante 2017 por valor de máis de 6,2 millóns de euros con IVE.
A tramitación deste Acordo marco vai por “procedemento aberto, tramitación anticipada, pluralidade de criterios e documentalmente simplificado” e está cofinanciado polo fondo europeo de desenvolvemento rexional (nun 80%), no marco do programa operativo feder Galicia 2014-2020, no obxectivo temático 6, prioridade de inversión 6.3, obxectivo específico 6.3.2.
O principal obxectivo do contrato, segundo aclara Turismo de Galicia, é a promoción turística de Galicia no verán e no outono e os seus produtos gastronómicos, calidade e restauración. Por iso, recolle a realización de “tres ondadas” de campañas publicitarias con “impacto autonómico e nacional”.
Outros concursos
Por outra banda, destina 400.000 euros con IVE á contratación do servizo “accións de comunicación dixital” da campaña de promoción dos recursos naturais, culturais e gastronómicos de Galicia, así como do Camiño de Santiago en particular. A intención é “manter a sensibilización da poboación galega, nacional, internacional, así como aos sectores implicados sobre os valores do turismo en Galicia en internet e nas redes sociais”.
Estes non son os únicos grandes contratos previstos por Turismo de Galicia. O pasado ano tamén executou outra campaña por valor de catro millóns de euros para a "contratación dun servizo integral para a elaboración e execución de campañas de turismo no ámbito galego, nacional e internacional durante o 2016". Un servizo que recollía campañas especiais polo "Entroido, Semana Santa, Ponte de Maio, verán ou outono" co obxectivo de "promover a difusión e coñecemento dos valores e principios propios de Galicia", o "patrimonio histórico e natural de Galicia" e o fomento do "destino Galicia tanto en turismo interior como exterior".
A estes 6,6 millóns de euros hai que sumarlle os 2,2 da Secretaría Xeral de Medios a través dun Acordo marco para o servizo de elaboración, producción e plan de medios de campañas institucionais da Xunta de Galicia en datas relevantes para a Comunidade Autónoma nos anos 2017 e 2018 e outro acordo marco para un servizo de elaboración das creatividades necesarias para o desenvolvemento de distintas campañas de comunicación e institucionais da Xunta de Galicia 2017-2018
Control mediatico da Xunta
O proxecto de I+D+i ‘Accountability y Culturas Periodísticas en España. Impacto y propuesta de buenas prácticas en los medios de comunicación españoles’, xa alertou de que a Xunta utiliza os cartos públicos para “controlar” aos medios de comunicación privados.
"Desde a longa etapa na que Galicia foi gobernada por Manuel Fraga (1990-2005), a práctica de subvencionar aos medios de comunicación foi constante por parte dos distintos executivos autonómicos" e este "modelo de subvencións, axudas ou convenios" funcionou dende entón como "unha forma de garantir o control informativo", recolle o documento. Tanto, que "a gran dependencia económica dos medios galegos dos poderes públicos impide falar de independencia política, aínda que sexa un dos lemas más repetidos nos seus idearios".
Este proxecto, financiado polo Ministerio de Economía y Competitividad, ten como obxectivo fundamental detectar as culturas xornalísticas existentes en distintos territorios de España, así como examinar o impacto dos instrumentos de rendición de contas ou media accountability systems en cada unha destas culturas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.