Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 13/02/2017 | Actualizada ás 08:00
O esqueleto dunha vítima da lepra na Idade Media achado nun dos primeiros hospitais británicos coñecidos para acoller a afectados por esta enfermidade está aportando luz sobre a historia desta enfermidade infecciosa. Os restos achados son dun mozo, entre 18 e 25 anos de idade, atopado na leprosaría de Santa María Magdalena, preto de Winchester, Hampshire (Inglaterra). Os investigadores suxiren que o home era un peregrino relixioso de España que puido coller a enfermidade mentres viaxaba por Europa. En concreto, as probas realizadas mostraron que o esqueleto, identificado como Sk27, proviña da costa atlántica e, moi probablemente, da galega, xa que con el había unha cuncha de vieira, símbolo dos peregrinos de Santiago de Compostela. Os científicos descubriron ademais que, polo menos na súa morte, o home recibiu un enterro tradicional do peregrino e non foi tratado como un paria.
Os autores do achado e responsables do estudo —Simon Roffey e Katie Tucker, da Universidade de Winchester, e Michael Taylor, da Universidade de Surrey (Reino Unido)— están convencidos de que o achado deste esqueleto, no que se atopou unha cepa da lepra, axudará a coñecer as orixes xenéticas desta enfermidade e o seu proceso de expansión por Europa na Idade Media. Para o seu estudo, utlizaron extensas probas de xenotipificación, datación por radiocarbono, análise biomolecular, osteoloxía, análise isotópico de estroncio e osíxeno e métodos arqueolóxicos.
Os responsables do achado —publicado nun artigo científico titulado 'Investigation of a Medieval Pilgrim Burial Excavated from the Leprosarium of St Mary Magdalen Winchester, UK'— cren que a enfermidade se estendeu por Europa na Idade Media debido ás peregrinacións relixiosas. En concreto, Winchester foi un punto clave para as peregrinacións porque era unha zona chea de santuarios e hospitais no século XII. "Desde o século XI ata o XIV, en Europa Occidental tivemos un aumento sen precedentes na fundación dos hospitais de lepra", explicou o doutor e profesor en arqueoloxía medieval Simon Roffey, máximo responsable da investigación.
Unha das preguntas que se facían os científicos é por que a lepra —que existiu desde hai séculos— impactou tanto na sociedade de Europa Occidental daquel momento. "Este individuo dános unha idea dunha das razóns polas que esta enfermidade atopou o seu camiño nunha sociedade medieval", aportan os investigadores británicos.
Aínda que a infección bacteriana causada por Mycobacterium leprae ou Mycobacterium lepromatosis afectou aos seres humanos durante miles de anos, esta alcanzou niveis epidémicos durante a Idade Media. E malia que aínda existe xente que segue sendo afectada pola lepra, os científicos atoparon que o xenoma de M. leprae non cambiou significativamente desde que a enfermidade acadou o seu punto máximo na Europa medieval. Isto podería explicar unha diminución na transmisión da enfermidade ao desenvolverse unha resistencia humana co paso do tempo.
ORIXE DO ESQUELETO
Os restos da vítima da lepra atopados polos investigadores británicos mostraron o lonxe que viaxaban os peregrinos na Europa medieval. Os científicos calculan que o home tiña entre 18 e 25 anos e que morreu entre os séculos XI e XII, cando as peregrinacións estaban no seu apoxeo en Europa. Os arqueólogos das universidades de Winchester e Surrey concluiron tamén que o home non era da zona de Winchester, senón que moi posiblemente proviña de Galicia, xa que atoparon unha cuncha de vieira enterrada con el, obxecto que só era entregado aos que completaban a viaxe ao santuario do Apóstol Santiago, en Compostela.
Simon Roffey salientou ao respecto que "a peregrinación ao santuario de Compostela foi particularmente popular a finais do século XI e principios do XII, co declive dos ataques musulmáns na Península Ibérica". Nesta liña argumentativa, o profesor expuxo que "a peregrinación a Santiago, xunto con Xerusalén e Roma, representou unha das tres grandes peregrinacións da época medieval e Santiago foi o único lugar permitido para distribuír cunchas de vieira baixo pena de excomunión, aínda que tamén se pensa que se venderon cunchas «falsas» durante o período medieval".
Sobre as rutas, tamén destacou que existían catro principais que conducían ao santuario de Santiago: a primeira pasaba por Saint-Gilles du Gard, Montpellier, Toulouse e Somport, mentres que a segunda pasaba por Notre Dáme du Puy, Sainte-Foy de Conques e Saint-Pierre de Moissac; outra terceira pasaba por Santa María Magdalena Vezelay, Saint-Léonard Limousin e a cidade de Perigueux, mentres que a última pasaba por San Martín de Tours, San Hilario de Poitiers, San Xoán de Angelo, San Eutropio de Saintes e a cidade de Bordeos.
"O enterro de Sk27 na leprosaría de Santa María Magdalena, Winchester, representa o único exemplo dun enterramento dun peregrino cunha cuncha de vieira nun cemiterio dun hospital medieval de leprosos", aseguran os investigadores británicos.
Os científicos insisten na hipótese de que o home leproso cuxo esqueleto foi atopado en Winchester proviña de Galicia: "A cuncha de vieira enterrada co individuo de Winchester foi identificada como un espécime de Pecten maximus, que se atopa nas augas do Atlántico, incluíndo a costa galega. Polo tanto, é a especie concreta que se espera que lle sería entregada a un peregrino que completase a peregrinación a Santiago", relatan no estudo.
Os autores do achado consideran ademais que a presenza dun estranxeiro nesa zona non sería inusual, pois Winchester albergou varias reliquias relixiosas importantes que puideron atraer a peregrinos foráneos. Ademais, Winchester estaba nunha encrucillada das rutas peregrinas que se estenden de Glastonbury, no oeste, a Canterbury, no leste, e de Reading Abbey, ao norte, ao porto de Southampton, ao sur de Inglaterra.
COMPRENDENDO MELLOR A LEPRA
Como explican os autores do estudo, "a lepra lepromatosa ou multibacilar é a forma máis grave da enfermidade, que se atopa no extremo oposto do espectro da lepra tuberculoide ou paucibacilar. As dúas formas son manifestacións do mesmo proceso da enfermidade, que depende unicamente da resposta inmune do individuo afectado".
No caso do hospital da lepra en Winchester, este "era unha fundación temperá que probablememte se remonta ás décadas inmediatamente despois da conquista normanda de 1066" e é "un dos primeiros exemplos escavados de Europa Occidental", obxecto dunha serie de recentes traballos académicos. "O sitio é notable polo alto número de enterros que mostran lesións esqueléticas características da lepra (86 por cento) e polo estado de preservación dos marcadores biomoleculares da enfermidade, incluídos os miocépidos e o ADN", engaden os científicos.
O xenotipado da cepa de M. Leprae atopada no esqueleto Sk27 colocouno na liñaxe 2F, unha cepa xeralmente asociada hoxe con casos da zona centro sur e occidental de Asia. Porén, mentres que outras cepas de M. Leprae examinadas no cemiterio de Winchester eran tamén de tipo 2F, a cepa deste esqueleto resultou ser xeneticamente distinta deses casos
"Esta cepa atopouse en Escandinavia, así como noutros dous individuos de Santa María Magdalena. A aparición dunha cepa do tipo 2F no home atopado tamén sería coherente con alguén moi viaxado ou de posible orixe estranxeira", argúen os científicos, que engaden: "A presenza de dous tipos de cepas en Winchester suxire introducións separadas da enfermidade no sur de Gran Bretaña polo movemento de colonos no pasado".
A escavación tamén permitiu aos investigadores coñecer a intensidade dos estragos que a lepra causou no peregrino achado en Winchester. Con todo, non está claro en que momento, durante ou despois da súa peregrinación, contraeu a enfermidade. "Non podemos estar seguros de onde pasou a súa mocidade nin se xa residía na leprosaría antes da súa peregrinación, ou se contraeu a enfermidade no estranxeiro e regresou a Gran Bretaña para rematar a súa vida en Santa María Magdalena", explicaron os autores do achado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.