SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2017 | Actualizada ás 19:25 por EUROPA PRESS
A empresa galega de drons Aerocámaras, situada no Parque Tecnolóxico de Ourense, asinou recentemente un contrato "millonario" cunha empresa californiana (Estados Unidos).
Aínda que, segundo informou a propia compañía este martes a través dun comunicado, o acordo ao que chegaron esixe "confidencialidade", si confirmaron que este inclúe unha primeira fase de "un millón de euros" na que un equipo formado por un piloto, un operador de cámara e un enxeñeiro realizará servizos de inspección técnica con drones.
A compañía comezará a traballar neste novo proxecto en marzo, segundo asegurou o xerente de Aerocámaras, Jaime Pereira, quen se mostrou "satisfeito" por esta nova rúbrica que "permite ampliar a área de traballo da empresa a un mercado crave no sector das novas tecnoloxías".
Con todo, esta non é a primeira vez que Aerocámaras participa en proxectos no exterior, xa o fixo previamente en diversos países como Portugal, Francia, Reino Unido, Suíza ou México. De feito, actualmente os drons galegos están presentes en Oriente Medio, onde están "a formalizar outros contratos que esixen confidencialidade".
Segundo explicou a empresa, os drons de "última xeración" de Aerocámaras permiten "realizar análise de forma exhaustiva tanto de edificios e instalacións como da rede eléctrica". A compañía tecnolóxica xa analizou urbes francesas, inglesas e mexicanas e "espera poder ser a pioneira nestes servizos en España", para o que, segundo asegurou Pereira, están "a ultimar trámites".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.