Por Galicia Confidencial | Vigo | 21/02/2017 | Actualizada ás 11:44
Investigadores do Centro Oceanográfico de Vigo, do Instituto Español de Oceanografía (IEO), veñen de presentar os seus avances no estudo da domesticación e cultivo da cherna (Polyprion americanus) durante a reunión anual do proxecto europeo que financia estes ensarios: DIVERSIFY (Exploring the biological and socio-economic potential of new/emerging candidate fish species for the expansion of the European aquaculture industry). Este proxecto de cinco anos de duración, que chega ao seu ecuador, pretende desenvolver novos sistemas de cultivo e métodos de procesado e márketing para seis novas especies de acuicultura.
A cherna, que polas súas características adoita confundirse co mero, é unha especie de peixe da familia Polyprionidae que alcanza un peso de 100 kg. Vive en augas profundas de case todo o mundo e caracterízase por ser unha especie de rápido crecemento. Posúe un alto prezo no mercado, está sometida a gran presión pesqueira, tanto profesional como deportiva, e, desde 2015, a súa poboación europea está incluída na lista vermella de especies como case ameazada.
Ata o momento describiuse o ciclo reprodutivo da cherna, desenvolvéronse protocolos de indución hormonal de desova e procedementos de fertilización in vitro, formuláronse dietas para reprodutores e larvas e elaborouse un estudo de mercado sobre o potencial desta especie a curto e longo prazo, entre outras tarefas.
"Os resultados obtidos son esperanzadores e as posibilidades do cultivo desta especie de gran valor comercial son boas", explica Blanca Álvarez-Blázquez, investigadora do Centro Oceanográfico de Vigo que participa no proxecto.
Este subproyecto dentro de DIVERSIFY está liderado polo Instituto Español de Oceanografía e nel participan ademais a Consellería do Medio Rural e Mariño da Xunta de Galicia (a través do CIMA e o IGAFA) e o Aquarium Finisterrae.
DIVERSIFY
Neste proxecto participan 38 socios de 12 países, dos cales catro son pequenas e medianas empresas e dúas multinacionais relacionadas coa alimentación animal. Os 32 socios restantes, son organismos de investigación, fundacións e universidades distribuídas ao longo do territorio da Unión Europea, onde ademais participan tamén países como Noruega ou Israel.
O proxecto ten unha dotación económica de 11,8 millóns de euros, distribuídos entre os socios en función das súas responsabilidades, e está coordinado polo Hellenic Center for Marine Research de Creta, Grecia. Despois dun exhaustivo estudo realizado entre todos os países, as especies seleccionadas para profundar nas súas posibilidades de cultivo foron, ademais da cherna, o halibut (Hippoglossus hippoglossus), a seriola (Seriola dumerilii), o muxe (Mujil cephalus), a corvina (Argirosomus regius) e a perca (Sander lucioperca).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.