Cogomelos galegos como vangarda contra o cancro e o Alzheimer

Hifas da Terra é un dos principais casos de éxito do empredemento científico galego nas últimas décadas. Entrevistamos a súa creadora, Catalina Fenández de Ana, que ao rematar Bioloxía creou unha empresa que hoxe conta cun equipo de 70 persoas. Usando cogomelos, a compañía produce produtos tan comúns como chocolates ou infusións; pero tamén tan innovadores como produtos que presenta como paliativos contra o cancro ou que poden atrasar o inicio do deterioro cognitivo. Labor científica e de aposta polo rural pola que recolleron unha decena de premios, que os axudan a loitar contra un dos seus principais inimigos, a competencia desleal e aqueles que “venden fume”.

Por GC Emprende | Pontevedra | 23/02/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Vostedes acaban de gañar o premio Alimentos de España 2016 que concede o Ministerio de Agricultura  na categoría de produción ecolóxica, pero xa levan acadados un feixe deles, outorgados, entre outros, polo IGAPE, o Concello de Pontevedra o FEGAXE. Que beneficios concretos, máis aló da obvia compensación económica no seu caso, ten para unha empresa como a súa recibir un galardón?

Este premio vén recoñecer o noso traballo do día a día. Ao igual que os recoñecementos previos, para nós é unha nova bomba de osíxeno que nos axuda a camiñar, a seguir medrando e a confiar no noso traballo.  Aproveitamos a ocasión para agradecerlle este recoñecemento ó ministerio, sobre todo polo vinculado que está á nosa actividade —os fungos son biorremediadores do medio natural onde medran e a cuestión ecolóxica é fundamental para determinar a calidade do produto—, pero tamén pola relación que ten coa nosa filosofía como empresa. Dende os inicios procuramos apostar pola ciencia e polo territorio dun xeito sostible. Agora, con este premio, reafirmamos os nosos valores.

Catalina Fernández de Ana Portela, xerente de Hifas da Terra
Catalina Fernández de Ana Portela, xerente de Hifas da Terra

 

Dalgo tan, digamos, común e vulgar como un fungo, vostedes producen unha cantidade de produtos e servizos incríbel. De complementos alimenticios, pasando por dermoestética até apoio a persoas con cancro. De todas estas gamas, cal é o seu núcleo de negocio e cal cre que supón un avance propio e innovador sobre o resto da oferta do mercado?

 

No eido da saúde, os extractos de cogumelos con propiedades medicinais, que comercializamos en cápsulas e ampolas, son os produtos máis demandados pola súa pureza e resultados. Non só porque baseamos as nosas fórmulas na evidencia científica publicada, senón porque, coñecedores e amantes dos fungos, establecemos criterios de calidade moi diferenciados con respecto a nosa competencia e ofrecemos asesoramento personalizado gratuíto cun equipo médico. Nos tratamentos complementarios este é un factor determinante para poder avaliar o resultado da toma dos produtos.

Catalina Fernández de Hifas da Terra
Catalina Fernández de Hifas da Terra

Por outra banda, como investigadores tamén estamos involucrados nunha mellora constante dos procesos de cultivo e extractado. Ademais dos cultivos tradicionais en madeira e sacos, agora contamos con biorreactores que nos permitirán obter extractos aínda máis concentrados en moléculas activas para o desenvolvemento de novas solucións para a saúde a base de cogumelos.

 

No eido forestal tamén marcamos a diferencia. Neste apostamos polo castiñeiro e, sobre todo, por manter as variedades tradicionais, de excelente calidade para a comercialización da castaña na industria alimentaria, pero que tamén destacan pola calidade da madeira e, como non, pola produción de cogomelos de gran valor. Unha árbore que fomenta o aproveitamento multifuncional do bosque e que implica o desenvolvemento sostible que pode xerar riqueza no medio rural.

 

 

Un dos eidos máis curiosos nos que traballan é a micoterapia como axuda na enfermidade de Alzheimer, doenza que sofren ducias de miles de familias no país. De feito este xoves teñen unha chala en Pontevedra sobre isto. Poderianos explicar brevemente como poden axudar os fungos a estes pacientes?

 

Os fungos cos que traballamos teñen compostos que son antioxidantes e outros que axudan na rexeneración do tecido nervioso, o que pode ser de gran axuda en enfermidades neurodexenerativas. Neste senso, e baseándonos na evidencia científica publicada, os cogomelos actuarían nunha fase preclínica na que poderiamos axudar a atrasar o deterioro cognitivo leve. 

 

Máis coñecido é o papel que poden ter algúns fungos en axudar a mellorar a calidade de vida dos doentes de cancro. Sempre que se fala de tratamentos contra o cancro suscítase unha enorme expectación. Explique dun xeito simple e realista que pode agardar unha persoa que sofra desta enfermidade dos seus produtos de oncoloxía.

 

A través da Micoterapia ofrecemos suplementos nutricionais que desenvolvemos baseándonos, como dixemos antes, nos artigos científicos publicados sobre as especies micolóxicas recoñecidas como medicinais e que, para este ámbito concreto, demostran ter capacidades anticanceríxenas. Neste caso falamos dunha terapia de soporte que se pode administrar de forma simultánea ós tratamentos convencionais e que poden actuar na recuperación de parámetros relacionados coa calidade de vida dos pacientes e minimizar algún dos efectos secundarios asociados a estes tratamentos. Concretamente poderiamos falar da mellora do estado nutricional, apetito, vómitos, etc.

 

A investigación neste eido é unha constante desde que presentamos a liña de nutracéuticos e cosmecéuticos Mico-Onco Care. De feito, xa presentamos os primeiros ensaios nos que analizamos e demostramos o efecto citotóxico do Reishi (Ganoderma lucidum) e Maitake (Grifola frondosa) sobre as células tumorais do cancro de colon in vitro no marco do proxectode I+D FungiTechOnco.

 

 Explique a quen non sexa micólogo que é unha hifa. Por que escolleron este termo para darlle nome a súa empresa?

 

As hifas son fíos formados por células que medran de forma radial dende a espora inicial, de aí o noso logo e o noso nome. As hifas da terra producen os cogumelos. Como científicos buscamos un nome que aporte coñecemento.

 

 Na súa carreira como emprendedores, que empezou aló polo 1.999, cales son as maiores dificultades coas que se atoparon e como conseguiron salvalas?

 

No noso caso, ensinar de cogomelos a unha sociedade que sabía moi pouco sobre eles e que lles tiña medo e crear unha corrente de opinión favorable sobre o que os cogomelos poden ofrecernos. Sempre tivemos moi claro que a nosa misión consiste en aportar á sociedade coñecemento sobre o mundo dos cogomelos, producir os mellores produtos coa mellor calidade os mellores ingredientes e escoitar moito aos nosos clientes, escoitar as súas necesidades e estar preparados a desenvolver produtos ou servizos que solucionen problemas, nunca vender fume. A comunidade científica e a sociedade recoñece a Hifas da Terra como creadora dos mellores produtos de micoterapia do mercado europeo.

 Ata o día de hoxe a maior dificultade é a competencia desleal. Hifas da Terra traballa dende a ciencia, a seriedade, a rigurosidade tentamos aportar o mellor e tristemente no camiño atópaste con moitos oportunistas, que rouban ideas, o noso slogan, que non aportan nada e para vender resumen o seu argumento dicindo que é o seu produto é o mesmo que o de Hifas da Terra, cando non teñen nin a mesma concentración de activos, nin a mesma pureza, nin seguridade nin nada. Neste punto, os premios son de gran axuda, distinguen o noso traballo e realzan os nosos valores. Premian o esforzo. 

 

De onde naceu a idea de crear unha empresa baseada nos cogomelos? Como medrou a empresa nestes anos e cantas persoas traballan nela na actualidade?

 

Meu pai, Francisco Fernández de Ana Magán é micólogo, un dos grandes micólogos que deu Galicia. Eu medrei nun ambiente de coñecemento da micoloxía, viaxando por distintos países vendo as producións de trufas en Italia, Francia e EE. UU. As miñas irmás e mais eu, de nenas, estabamos con el cando daba as conferencias nas xornadas micolóxicas que se organizaban en Caixanova en Pontevedra, cando facía de xurado nas xornadas micolóxicas de As Pontes, Mondariz ou tantos outros lugares, parecíame lóxico que algún día me tocase a min. En segundo de BUP elixín desenvolver como tema exposición do meu traballo de galego "O cancro do castiñeiro", en 3º de BUP "A pulguiña do carballo".... A información e o coñecemento simplemente pasan a formar parte normal da túa vida cotiá e aprendes a amar de verdade a investigación e a ciencia. Cando rematei a carreira de Bioloxía, tiven que facer un plan de empresa no que pedían algo innovador, novidoso e baseado na ciencia. Lóxicamente  pensei nos cogomelos. Así comezou o proxecto de Hifas da Terra. Aínda que comezamos formando a produtores de cogumelos e elaborando saquiños para o cultivo na casa, hoxe en día contamos cun equipo de case 70 persoas, maioritariamente científicos de diversas áreas, cos que buscamos novas solucións para que os cogumelos axuden no coidado da saúde e da nosa paisaxe.

 

Vista a súa experiencia, que medidas deberían tomar as administracións para facer máis doado a innovación e o empredemento no campo do seu sector empresarial?

 

Unha vez que se toma a decisión de crear unha empresa hai que facer un bo plan de empresa, unha estratexia, pensalo todo coidadosamente. Agora hai moitas ferramentas de axuda para facer o plan de empresa, o IGAPE, as asociacións de xoves empresarios, as incubadoras de empresas das universidades... nunca houbo tanta cultura en España pola innovación (cousa que me parece estupenda). Sempre se pode ir a máis e para iso é importante que as administracións sigan atentos ó día a día das empresas, das súas demandas e das súas necesidades. Penso que é moi importante que as administracións polo  menos a de xustiza protexa ás empresas da competencia desleal dándolles unha seguridade, sabendo que non todo vale, que existe un entorno seguro para o emprendedor e que quen copie e venda fume será penalizado. Apoiar a idea do emprendemento como positiva na sociedade, pero emprendemento real, con investigación, con risco, aportando novidades á sociedade, dando solucións, non copiando burdamente as empresas exitosas.

 

Están a traballar no lanzamento de algún produto novo? Poderían adiantarnos en que consiste?

 

Estamos a introducir unha nova liña de cremas para axudar ao paciente oncolóxico, son tres productos; Mico-QT, Mico-QT hand-foot e Mico-RT, son cremas específicas cos fungos Reishi e Cordyceps para axudar a recuperar a pel de forma complementaria ao tratamento hospitalario e os resultados son espectaculares.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

3 Tiraboleiro

Un medio serio debería informar con rigor. Entrar ao xogo dunha empresa que o que quere é vender complementos alimenticios (a 400 euros/mes) dando a entender que axudan a curar o cancro, é cando menos pouco ético. Serán de cogumelos, serán do país, serán guais, pero existen complementos alimenticios equivalentes científicamente probados e financiados polo sistema nacional de saúde. Se por encima de ser enfermos, hai que ser pobres para que esa xente (por moi galega que sexa) se forre, mal imos. Ter un nivel de ética elevado cando se mixtura enfermidade e negocio é importante.

2 Ames75

Pareceme a min que o cancro é unha enfermidade seria..........................."terapia de soporte" mellorado estado nutricional" Todo moi cientifico, o negocio é seguro o resultado non sei.....

1 Tiraboleiro

falta o texto "Publirreportaxe" na nova.

1 Leike

Se é "da Terra" parece que a súa páxina web debería ter, cando menos, a opcón en galego!