Por GC Emprende | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/02/2017 | Actualizada ás 11:11
A 'startup' santiaguesa OpSeeker foi seleccionada pola Secretaría de Estado para a Sociedade da Información e a Axenda Dixital, o ICEX e Rede.es para representar a España no '4 Years From Now (4YFN)' do 'Mobile World Congress', que se celebrará en Barcelona do 27 de febreiro ao 2 de marzo.
En total, 35 'startups' españolas cun alto grao de innovación e potencial global foron seleccionadas para representar a España no '4YFN', a plataforma de negocio global para a crecente comunidade de 'startups' tecnolóxicas que serve como un punto de encontro e de negocio para emprendedores, investidores e grandes corporacións internacionais.
OpSeeker é unha compañía constituída en agosto de 2016 e que pertence ao sector 'fintech'. A súa proposta é mellorar a saúde financeira dos cidadáns.
En palabras do seu cofundador e CEO, Gonzalo Camiña Ceballos, "quere disrumpir a industria do asesoramento financeiro e darlle poder aos clientes achegándolles a información necesaria para cubrir a fenda de coñecemento que existe entre os profesionais das finanzas e os propios clientes".
"Para OpSeeker é un orgullo poder representar a España e a Galicia nun evento tan importante para a tecnoloxía e o emprendemento", comenta Gonzalo Camiña Ceballos, e engade que espera "poder coñecer mellor a contorna internacional das 'startups', establecer contactos con futuros clientes, socios e investidores e poder aprender doutros proxectos á vangarda da tecnoloxía mundial".
Esta cuarta edición do '4YFN', que se realiza no Fira de Monjuïc de Barcelona, prevé reunir a máis de 20.000 persoas nun espazo de 18.000 metros cadrados, o que suporía un crecemento dun 60% sobre a asistencia do ano anterior.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.