Por Xurxo Salgado | Compostela | 02/03/2017 | Actualizada ás 16:00
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, defendeu as axudas que a Xunta, a través da Secretaría Xeral de Emigración, concede ás entidades galegas en Venezuela, a pesar da clara vinculación dalgúns directivos e presidentes co Partido Popular.
“Non sería legal tentar poñer cortapisas a que unha persoa milite nun partido ou nun sindicato”, dixo en resposta a GC, tras publicar este medio que as principais axudas do Goberno galego a entidades de Venezuela van a centros que están dirixindo destacados militantes do Partido Popular. “Sería moi discutible que unha persoa non puidera militar nun partido ou nunha asociación”, respondeu ao ser preguntado se non considera que non debería haber vinculación política para a percepción de importantes axudas públicas, como é este caso.
O presidente insistiu en que o problema en Venezuela “non é quen dirixe as asociacións”, senón a propia situación do país. “Non debería haber asociacións pero sorpende que esteamos nesta lamentable situación”, dixo en relación a crise que vive o país iberoamericano. “Alí exprópianse bens de cidadáns, non se pagan pensión e non hai medicinas”, dixo sobre as axudas que a Xunta presta a estas entidades.
Viaxe a Venezuela
Precisamente, esta mesma semana o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, iniciaba a súa primeira viaxe institucional do ano a este paí, onde transmitirá aos galegos que teñen “o compromiso da Xunta para reforzar a asistencia aos maiores con dificultades” e “transmitir a súa preocupación compartida pola complicada situación que atravesa o país”.
Axudas
Tal e como publicou GC, a Secretaría Xeral de Emigración está a financiar de xeito discrecional dúas entidades dirixidas por militantes do Partido Popular. Unha delas é a Fundación Apoyo a la Ciudadanía Española en Venezuela (FACEV). O seu presidente é Felisindo López Lorenzo é, ademais, presidente do PP en Venezuela.
A outra entidade dirixida por outro cargo conservador é a Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, cuxo secretario é o vogal en representación de Venezuela na directiva do Partido Popular de Galicia, José Antonio Alejandro González.
Así as cousas, os dous colectivos de emigrantes galegos no país caribeño son os que máis diñeiro público reciben de Galicia ano tras ano. No caso da FACEV, Emigración asina todos os anos con ela un convenio de colaboración. Sucede dende 2010, primeiro ano completo do PPdeG ao fronte do Goberno tras o bipartito. En total, os seis convenios suman 460.000 euros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.