A Xunta dá máis convenios á asociación de Venezuela cuxo secretario é dirixente do PPdeG

Centos de persoas asisten ao acto público de rúbrica na Hermandad Gallega, en cuxos locais a Xunta financia unha oficina de información.

Por Galicia Confidencial | Caracas | 03/03/2017 | Actualizada ás 16:00

Comparte esta noticia

O secretario xeral da Emigración asinou onte dous novos convenios de colaboración coa asociación cuxo secretario é o líder do PP de Galicia en Venezuela. Antonio Rodríguez Miranda visitou tamén as instalacións deste colectivo, a Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas, onde a Xunta mantén a súa oficina de información aos galego-venezolanos, como proba unha foto difundida polo propio Gobeno Galego.

Miranda e José Antonio Alejandro (de azul) diante da oficina de información que a Xunta financia na Hermandad
Miranda e José Antonio Alejandro (de azul) diante da oficina de información que a Xunta financia na Hermandad

 

José Antonio Alejandro González compatibiliza o cargo de secretario da Hermandad Gallega de Venezuela en Caracas co de vogal na directiva do Partido Popular de Galicia en representación da diáspora nese país. A Hermandad é o colectivo da emigración en Venezuela que máis axudas recibe de Emigración canda  Fundación Apoyo a la Ciudadanía Española en Venezuela (FACEV), cuxo presidente é Felisindo López Lorenzo, que asemade é presidente do PP en Venezuela. 

 

O presidente da Xunta defendeu este xoves a legalidade destas subvencións, moitas delas a dedo. Cuestionado polas informacións publicadas por GC, Alberto Nuñez Feijóo dixo que sería ilegal negarllas e puxo o foco sobre os problemas económicos que pasa o Estado sudamericano.

Miranda e José Antonio Alejandro (de azul) diante cos maiores do Centro de Día da Hermandad
Miranda e José Antonio Alejandro (de azul) diante cos maiores do Centro de Día da Hermandad

 

Miranda tampouco parece ver problema en subvencionar a asociacións que están codirixidas polo seus compañeiros de partido. Así, o xoves asinou dous novos convenios coa Hermandad. Un para atención das necesidades socio sanitarias e asistenciais básicas dos cidadáns galegos residentes na capital e a súa contorna. O segundo para o mantemento dunha oficina de información e asesoramento á colectividade galega precisamente na sede da Hermandad, a citada oficina que aparece na foto identificada cun logo da "Consellería de Emigración", consellería que non existe na estrutrua da Xunta. Miranda asinou os convenios cos que todos os anos a Xunta financia a Hermandad nun acto público diante de centos de persoas. Previametne estivo o Centro de Día no que a Hermandad presta boa parte da asistencia social e sanitaria.

 

Reuniuse ademais coas entidades galegas con presenza na cidade: a Asociación Civil Galega Fillos de Ourense, a Benéfica Fillos de Lalín, o Centro Benéfico Fillos da Estrada, a Asociación Benéfica Provincia de Pontevedra, a Asociación Benéfica Fillos da Coruña, Fundaourense, a Asociación Fillos da Provincia de Lugo, e maila Asociación Terras de Celanova e Baixa Limia.

 

No referido a acollida en institucións de coidado a galegos: o a Xunta presume que atende directamente a uns 1.000 galegos en colaboración coas diferentes institucións como a citada Hermandad. O orzamento que Emigración dixo destinar en 2016 a Venezuela foron  600.000 euros. No seu comunicado, o Executivo adicouse a gabar a Hermandad que “aglutina agora mesmo a preto de 12.000 familias galegas, e as súas instalacións son moi valoradas polo seu ambiente de seguridade no centro da convulsa capital venezolana”.

 

Os convenios de colaboración son un instrumento legal que permite ás administracións subvencionar discrecionalmente, sen concorrencia, a dedo, a entidades sen ánimo de lucro. 

 

Miranda asina os dous convenios coa Hermanda nun acto en Caracas
Miranda asina os dous convenios coa Hermanda nun acto en Caracas
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta