Navalia acada a metade de ocupación do espazo expositivo máis dun ano antes da edición de 2018

A Xunta compromete o seu apoio para que a feira volva ser "escaparate" dun sector en recuperación

VIGO | 07/03/2017 | Actualizada ás 17:57 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A feira Navalia contratou xa o 50 por cento do espazo expositivo, máis dun ano antes da celebración de 2018, que terá lugar en maio no Instituto Feiral de Vigo, segundo confirmou o presidente do comité executivo, José García Costas.

García Costas explicou, en declaracións aos medios antes da reunión do comité (na que participou o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde), que esa ocupación é un 20 por cento superior á que tiña reservada a anterior edición de Navalia a un ano da súa celebración.

"Estamos francamente esperanzados, a feira vai ben, quedan importantes visitas por facer", avanzou, á vez que lembrou que a organización segue pendente da ampliación do Instituto Feiral vigués.

Segundo lembrou García Costas, a previsión é que dita ampliación estea lista para o próximo outono, cando se celebre unha nova edición de Conxemar, polo que o recinto estaría tamén ampliado para Navalia. "É importante coñecer eses planos para poder comercializar os espazos", subliñou.

"ESCAPARATE" DA INDUSTRIA NAVAL

Pola súa banda, o conselleiro Francisco Conde comprometeu o apoio da Xunta para que Navalia, a segunda feira destas características a nivel internacional e "escaparate" do sector galego, "volva ser un éxito". Segundo lembrou, na edición de 2016 houbo presenza de 90 países e unha cifra de negocio duns 4.000 millóns de euros.

O conselleiro recalcou a necesidade de que o naval galego pivote sobre a "competitividade" e a aposta pola industria 4.0 para consolidar unha recuperación que, xa en 2016, permitiu que o 40 por cento dos contratos en vigor estivesen en empresas de Galicia.

Así, subliñou que a industria naval, "acompañada" polo goberno galego, traballou en catro ámbitos: a innovación e introdución de novas tecnoloxías, a formación, a internacionalización e diversificación, e o financiamento.

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta