Angrois.- A dirección do PSOE no Congreso 'rifa' a Odón Elorza por bordear a "demagoxia" coas vítimas

A dirección do Grupo Socialista no Congreso cuestionou as iniciativas que pretendía impulsar o deputado do PSOE por Guipúzcoa Odón Elorza para forzar un debate na Cámara sobre o accidente ferroviario de Angrois. Segundo o portavoz socialista de Fomento, César Ramos, non se debe caer na "demagoxia" coas vítimas daquela traxedia.

Santiago de Compostela | 07/03/2017 | Actualizada ás 20:54 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

A dirección do Grupo Socialista no Congreso cuestionou as iniciativas que pretendía impulsar o deputado do PSOE por Guipúzcoa Odón Elorza para forzar un debate na Cámara sobre o accidente ferroviario de Angrois. Segundo o portavoz socialista de Fomento, César Ramos, non se debe caer na "demagoxia" coas vítimas daquela traxedia.

O 'encontrón' tivo lugar este martes na reunión a porta pechada dos parlamentarios do Grupo Socialista, segundo confirmaron a Europa Press varios dos presentes, que consideran que houbo momentos de tensión.

O exalcalde de San Sebastián pediu explicacións á dirección do grupo polo "bloqueo" de sete iniciativas que presentara para esixir ao Goberno que reabra a comisión técnica sobre o sinistro ocorrido en xullo de 2013, no que houbo 80 falecidos e 152 feridos.

Elorza denunciou que non se deu curso ás súas iniciativas --entre as que hai unha proposición non de lei-- e non se lle ofreceu "ningunha explicación". E recalcou que nin sequera se lle deu curso ás preguntas escritas, a pesar de que, como apuntou despois o portavoz e presidente do grupo, Antonio Hernando, rexístranse "o 99,99%" das que expoñen os deputados.

O CRITERIO "TERRITORIAL"

O portavoz de Fomento xustificou despois que o criterio que se segue para a presentación de propostas é o territorial e, por tanto, como deputado por Guipúzcoa, considera que non lle corresponde tomar a iniciativa nun asunto que ocorreu en Galicia. Por iso, explicou, non lle deu o "visto e prace".

Tamén a portavoz da comisión de agricultura, alimentación e medio ambiente, a deputada por Lugo Margarita Pérez Herraiz, respondeu á intervención de Elorza defendendo o criterio territorial e subliñando que ela non fai preguntas sobre "a E vasca".

Pero, ademais, Ramos recalcou que, en asuntos que teñen que ver con vítimas, como o accidente de Angrois, hai que ter coidado para non facer un "debate político" que pode "levar á demagoxia" e non a "sacar conclusións".

A xuízo deste deputado por Cáceres, o interesante, porque é o que pode arroxar luz neste sinistro, non é o debate político senón as conclusións ás que chegue unha comisión de investigación que sexa independente.

Así mesmo, a deputada galega reprochou a Elorza que informase publicamente das súas iniciativas, cando sabía que aínda non recibiran a luz verde da dirección do grupo.

O deputado por Guipúzcoa, que rexeita ademais que o accidente de Angrois sexa un asunto que se circunscriba exclusivamente a Galicia, anunciou as súas iniciativas no seu 'blogue'. Tamén tivo ocasión de falar deste asunto coa plataforma de vítimas do accidente do Alvia, nunha reunión no Congreso dos Deputados.

ELORZA VE UN ATAQUE Á AUTONOMÍA DO DEPUTADO

Elorza non comparte as explicacións ofrecidas pola dirección e queixouse ante os seus compañeiros de grupo de que este "bloqueo" vai en contra da "dignidade" e a "autonomía" dos deputados. En particular, mostrouse doído ao entender que se lle estaba acusando de "facer demagoxia coas vítimas".

Na súa opinión, as súas iniciativas son pertinentes e non entran en colisión coa repartición territorial nin buscan o mero debate político. De feito, subliñou que nin sequera pide unha comisión de investigación, senón que pretende que se reabra a comisión técnica.

Na súa proposición non de lei, o deputado vasco pedía ao Congreso que ordene ao Ministerio de Fomento reiniciar a investigación oficial, "con garantías plenas de independencia", sobre as causas do grave accidente do tren Alvia ao considerar que, tres anos despois da traxedia, hai "diferentes pronunciamentos e circunstancias sobrevindas" que así o aconsellan.

En concreto, citaba o informe da Axencia Ferroviaria Europea que considera que aquel accidente non foi investigado "de forma independente" pola Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) do Ministerio, e mesmo abre a porta a reiniciar a investigación.

Ademais, mencionaba a resolución do pasado xaneiro da Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, que, tras escoitar a unha representación das vítimas, pediu a España unha nova investigación independente sobre o accidente de Angrois.

E é que a Plataforma de Vítimas do accidente veu denunciando que a investigación "non foi independente, xa que parte do equipo de investigación fórmano as empresas públicas implicadas no accidente: Renfe, Adif e Ineco". É dicir, os responsables que, na súa opinión, "desconectaron o sistema de seguridade porque xeraba atrasos".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta