A pasada fin de semana, acudimos ao mercado ecolóxico que se organiza dous domingos ao mes na Praza de España da cidade herculina. Alén dunha calidade garantida, sorprendeunos o nivel de profesionalidade da maioría das empresas presentes. Como factores comúns a todas elas, subliñaríamos a intención de diferenciación e mesmo innovación latentes malia a súa pequena dimensión.
Quizais a oferta cunha maior proxección sexa a da empresa betanceira Orballo dedicada a infusións e especias. Por riba do selo ecolóxico dos seus artigos, Orballo distínguese pola busca de produtos novos, pola produción propia, o deseño coidado e o esforzo comercializador. Presentes en máis de cen puntos de venda espallados por toda Galicia e outras catorce provincias españolas, seguen a lanzar novas referencias cada cal máis ambiciosa. En poucos meses presentarán un té sementado e crecido na Mariña coruñesa, disque o primeiro en solo europeo.
Bubela representa outro proxecto singular, neste caso lugués. Defínense como artesáns do cereal. Teñen dúas liñas de produto, as pastas (de algas, castaña, trigo, centeo, espelta...) e as cervexas artesás, co selo ecolóxico e a partir de cereal galego. Están presentes en distintos puntos de Galicia e xa outrosí en Asturias, Santa Coloma, Valladolid e Madrid. Vanse dando a coñecer paseniño.
Destacamos un terceiro proxecto, a cosmética Muuhlloa, que nace da colaboración de dúas empresas da bisbarra da Ulloa, a cooperativa Milhulloa e a Granxa Maruxa. A primeira achega as plantas milenrama e carraxenina, a segunda o leite ecolóxico das súas vacas. Engádenlle auga do Carballiño e así producen unha crema corporal de alta calidade a prezo ben accesible. Por certo, proxecto en feminino; as promotoras, todas mulleres.
Diferenciación, creatividade, calidade e distribución son os elementos da fórmula de éxito. Tamén o uso da lingua propia; a maioría utiliza o galego como idioma de comunicación. Saben que as linguas autóctonas supoñen un valor engadido para o consumidor do país e un carimbo de autenticidade ante o foráneo.
Amentamos Orballo, Bubela ou Muuhlloa por no poder dedicar un parágrafo a cada unha das empresas. Mais velaí comprobamos tamén a oferta magnífica de O forno das Candeas –artigos de castaña e cereal cun toque diferencial–, Amorodo –conservas vexetais ecolóxicas–, Nutre en Bio –horta ecolóxica galega–, Granxa Lousada –porco celta, ovella e horta tradicional–, DoSouto –produtos da castaña–, ou Galuriña —empanadas de algas–, entre outras.
Son exemplos a divulgar, imitar e apoiar. Necesitamos que medren, cooperen e se multipliquen.