Por Galicia Confidencial | Vigo | 27/03/2017 | Actualizada ás 12:00
O Eixo Atlántico está de aniversario. E non é un aniversario calquera. Son 25 anos impulsando proxectos europeos que, ademais, terán como celebración a realización en xuño dun gran congreso no teatro Circo de Braga, onde se presentará o documento da Axenda Urbana e se entregarán unha serie de medallas a personaxes ue impulsaron o proxecto europeo nestes anos.
Este congreso pretende ser o foro no que os axentes políticos, sociais, económicos e culturais da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal coñezan de primeira man o documento estratéxico "e poidan achegar todos os comentarios e ideas que melloren a axenda urbana", segundo apuntan desde esta institución.
Durante as xornadas debatirase sobre a primeira axenda urbana transfronteriza europea, con cinco talleres coordinados por expertos da Axenda Urbana. O obxectivo é elaborar unha axenda estratéxica contando cos intereses de 38 cidades de moi diferente tamaño e posicionamento que, ao mesmo tempo, pertencen a dous Estados europeos.
Durante os meses de novembro e decembro de 2016, o Eixo puxo a disposición do público o documento para recibir achegas. O programa do Congreso e o formulario de inscrición xa está dispoñible a través da web do Eixo Atlántico.
Este congreso contará na súa inauguración co ministro portugués Pedro Marques e será clausurado polo primeiro ministro, Antonio Costa. Durante a ceremonia de clausura entregaranse as medallas dos 25 anos do Eixo a Fernando Gomes, Eneko Landaburo e un representante da fundación Jacques Delors.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.