VIGO | 03/04/2017 | Actualizada ás 19:28 por EUROPA PRESS
A Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo cubriu as dúas prazas de subdirectora que tiña vacantes na súa organigrama de dirección, e, en aplicación do Plan de Estabilidade Laboral aprobado polo Servizo Galego de Saúde, fixo interinos a 79 profesionais sanitarios eventuais.
Segundo comunicou o Sergas, as novas subdirectoras son a ata agora supervisora de Calidade de Coidados e Soporte, Dolores Muíños, que pasa a cubrir a área de Procesos de Enfermaría de Soporte; e a ata agora xefa do servizo de Recursos Humanos de Atención Primaria, Amparo Bouzo, que accede á Subdirección de Recursos Humanos.
Fontes do Servizo Galego de Saúde, explicaron que o primeiro cargo quedou vacante ao falecer a anterior subdirectora, mentres que o segundo quedou libre ao ser nomeada a súa anterior subdirectora como directora de Recursos Humanos do Complexo Hospitalario de Pontevedra.
Doutra banda, 79 profesionais sanitarios do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) que desenvolvían o seu traballo como eventuais, pasaron a ser interinos con efectos desde este 1 de abril. Trátase de 38 enfermeiros, 8 fisioterapeutas e 33 técnicos en coidados auxiliares de enfermaría que traballan nos hospitais Álvaro Cunqueiro, Meixoeiro e Nicolás Pena.
Tal e como se acordou co Plan de Estabilidade do Emprego e Provisión de Prazas do Persoal Estatutario do Servizo Galego de Saúde 2017-2018, o obxectivo é apostar pola estabilidade no emprego e a convocatoria periódica de procedementos selectivos para a adquisición da condición de fixo. Con este plan espérase incrementar en 6 puntos o persoal fixo e reducir o temporal.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.