A autopista da Gallaecia clásica e o Camiño de Santiago

A vía romana mellor sinalizada en Europa cruza Galicia. Trátase da Vía Nova, que unía Braga e Astorga. Un grupo de expertos reunirase este mes para analizar a súa recuperación. Falamos cun deles Davide Pérez, vogal da Asociación Arnau, sobre o seu estado -coidado nalgúns tramos, ao monte noutros- e potencial. Entre outros puntos, o arqueólogo di que a Xunta está a ignorar as peticións para incorporala ao Camiño de Santiago, malia estar documentado o seu uso xacobeo.

Por Manuel Vilas | Bande | 20/04/2017 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

A Asociación Arnau lanzou o ano pasado a iniciativa de lograr que a Unesco declare a Vía Nova Patrimonio da Humanidade. Que valores ten esta antiga estrada para avalar tal declaración?

Miliario de Zadagós (Sandiás) na Vía Nova
Miliario de Zadagós (Sandiás) na Vía Nova | Fonte: Xavier Wikimedia

O principal valor que posúe  a Via Nova é o propio legado histórico e patrimonial inherente á infraestrutura bimilenaria: o impresionante trazado a media ladeira coas súas magníficas pontes (Bibei, Sâo Miguel, Ponte Pedriña...), as mansións onde se hospedaban os viaxeiros, o campamento romano de Aquis Querquernis, os miliarios... A todo o seu legado, habería que engadir a súa riqueza paisaxística atravesando as montañas do Xurés para planear sobre a basta Limia e a depresión de Maceda para dirixirse, descendendo os codos do Larouco entre os viñedos de Valdeorras,  á Serra da Enciña da Lastra e avistar o fértil Val do Bierzo- trazado que lle aporta á Vía Nova, unha espectacular biodiversidade.

O seu trazado estaba sinalizado por medio de miliarios ou agrupacións de miliarios. Este trazado é o que conserva o maior número de miliarios de toda Europa, 281. A que se debe esta abundancia?

Pois á verdade é que é difícil de explicar, pero nalgunhas millas concéntranse máis dunha ducia de miliarios. Se cadra, como eran gravados con extensas adicatorias ao emperador correspondente, teñan que ver co gran culto polas pedras que había na Gallaecia Clásica.

Dentro de Galicia, que tramos están confirmados da Vía Nova? 

Menbros da Asociación Arnau  realizando a travesía transfornteiriza Xurés-Guerês
Menbros da Asociación Arnau realizando a travesía transfornteiriza Xurés-Guerês

Practicamente está confirmado case todo o trazado entre Braga e Astorga, o que pasa é que o trazado orixinal só se conserva nalgunhas zonas, pois noutras foi suplantado por estradas posteriores ou ficou abandonado e integrado nas sucesivas reestruturacións do territorio en base aos intereses económicos do momento. 

Que localidades galegas tocaría?

En Galicia pasa polos concellos de Lovios, Muíños, Lobeira, Bande, Rairiz de Veiga, Vilar de Santos, Xinzo de Limia, Sandiás, Baños de Molgas, Maceda, Montederramo, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Trives, Larouco, Petín, A Rúa, Vilamartín, o Barco de Valdeorras e Rubiá; con  tramos moi ben conservados na Serra do Xurés, na zona do Macizo Central e na Serra da Enciña da Lastra.

Daquela se quixéramos hoxe seguila dende Braga a Astorga, sería posible?

Para percorrela hoxe, non habería problema dende Braga a Rairiz de Veiga, pois o tramo portugués está todo sinalizado e dende a fronteira da Portela do Home ata A Saínza tamén, dado que foi acondicionada como rede de Camiños Naturais. O problema deste tramo é que hai que levar unha fouce, pois apenas ten mantemento e as silvas cruzan o camiño de lado a lado.

Entón, cal é o estado de conservación se atopa os tramos que se coñecen da Vía Nova?

Pois como comentaba, hai tramos ben conservados e outros de máis difícil interpretación. Gran parte do seu trazado sería recuperable, pero fan falta ganas e inversión. Non se pode ter o trazado que se recuperou totalmente abandonado e cheo de vexetación; a xente protesta e vai camiñar a outros sitios. 

Os numerosos incendios que sofre o Xurés afectárona dalgún xeito?

Os incendios reiterados, favorecen a erosión e desestabilizan o trazado da vía, véndose moi afectada no Xurés.

Que actuacións serían necesarias para convertela nun atractivo turístico?

As principais serían recuperar e protexer o seu trazado, deseñando un percorrido de longa distancia, con albergues intercalados entre cada xeira, entre Braga e Astorga. Dese xeito facilitaríase o transito dos sendeiristas, ciclistas ou cabalerías creando riqueza económica nos concellos. O tramo de Braga a Ourense aínda ten o atractivo engadido de que foi ruta de peregrinación a Santiago pasando por Santa Comba de Bande e San Salvador de Celanova, cunha ampla documentación que o verifica. Arnau leva anos presentando documentación e pedíndolle á Xunta de Galicia que marque esta ruta xacobea, pero nin caso.

O 29 de abril Bande acolle a Xornada “A Vía Nova: Un Camiño de Europa”, organizada pola eurodeputada Lidia Senra. Como animaría aos afeccionados á historia a asistir a estas conferencias?

Pois vaise debatir sobre as posibilidades de converter en Patrimonio da Humanidade un dos grandes atractivos turísticos que ten a Provincia de Ourense. Un eixo de unión entre os concellos rurais do interior, con grandes problemas de despoboación e pobreza cultural, que ten na VIA NOVA, unha gran posbilidade de futuro. Ademáis pola tarde, percorreremos a pé un dos tramos de via romana mellor conservados de Europa.

Calzada Romana  Vía Nova ou Vía XVIII recuperada en A Pontenova en Lobios
Calzada Romana Vía Nova ou Vía XVIII recuperada en A Pontenova en Lobios | Fonte: Ramon Piñeiro Flickr
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 galegoexiliado

Que pesadelo co camiño de santiago. GALIZA xa existía antes de que Portomeñe descubrira a tumba de santiago e inventara o pesadelo ese do camiño turístico. Falen da Galiza real e deixen de marear co camiño das subencions.

1 maruja de xordos

fantastico recuperar tanta historia escondida y poder ver como realizaban caminos ,,,hermosos y sin maquinarias solo la mente de gente muy sabia y el esfuerzo humano ojala consigan lo necesario para poder recuperar lo que falta y asi que mucha gente pueda ver y caminar tanta historia