SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/04/2017 | Actualizada ás 12:06 por EUROPA PRESS
As eleccións no Colexio de Odontólogos de Lugo, que outorgaron a presidencia a Alejandro López, teranse que repetir despois de que así o ordene o Xulgado do Contencioso número 1 tras recorrer este proceso electoral a outra candidatura que encabezaba Alfonso Santalices.
A avogada do recorrente, Cristina Pérez, puntualizou que a repetición das eleccións ten que ser "pronto" porque "non cabe recurso". "E supoño que non tardará en executarse", abundou.
Respecto diso, mostrouse "satisfeita" co fallo xudicial que se produciu o mércores e así explicou que a "idea que tiña a candidatura que resultou perdedora era que houbera algunha irregularidade, concretamente a destrución de doce votos".
Neste sentido, sinalou que eses votos "se destruíron polo suposto feito de chegar sen acuso de recibo, que é unha esixencia dos estatutos". "O que ocorre é que, ao ser destruídos, non se puideron comprobar se os votos eran válidos ou non", lamentou.
A avogada lucense esgrime que, tras as eleccións que se celebraron en xuño do ano pasado, "ao haber unha diferenza tan axustada", xa que a vitoria da outra candidatura (Alejandro López) fora por un voto, "entón tiña moita relevancia (a destrución deses doce votos)".
DIFERENZA PEQUENA
"Se a diferenza fose maior non habería problema, pero foi unha diferenza pequena e era importante comprobar se realmente esoutros votos eran nulos ou non o eran", xustificou.
En definitiva, apuntou que "ao ordenarse a repetición das eleccións, estas débense celebrar pronto porque a sentenza é firme, non cabe recurso contra ela". "Supoño que non se tardará en executala", concluíu.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.