Por Walter Burns | O Irixo | 15/03/2010 | Actualizada ás 09:19
Galicia Confidencial sinalou a multiplicación de adxudicacións á Atos Origin dende o PP está no poder na Xunta. Carmen Martín de Pozuelo Romay, sobriña de José Ramon Romay Beccaría, mentor político de Alberto Nuñez Feijóo, é directora de Desenvolvemento de Negocio Sanitario desta consultora.
Máxima puntuación posíbel en todo menos no prezo
Tanto Feijóo como a S.X. de Modernización (que lle adxudicou todos os seus contratos para redactar plans, incluídos dous sen publicidade e outros dous dándolle a máxima puntuación posíbel en todo salvo no prezo) negan trato de favor algún.
O certo é que a traxectoria profesional de Feijóo, Martín e Beccaría é moi próxima dende hai, polo menos, 14 anos.
O padriño de Feijóo coida da familia
A principios dos 90, Romay chega á cabeza da Consellería de Sanidade dende a de Agricultura. Con el trae de secretario xeral a un prometedor mozo, o hoxe presidente da Xunta. Romay nomea a súa sobriña asesora de Sistemas de Información.
O segundo encontro profesional do trío dáse no ministerio de Sanidade a partir de 1996. O esquema do Sergas repítese no Madrid da era Aznar: Romay é ministro, Feijóo secretario xeral de Asistencia Sanitaria e Carmen Martín asesora de Sistemas da Información.
Feijóo dá a cara nas Cortes pola sobriña de Romay
En 1998 salta a primeira polémica, Sanidade merca 17.512 terminais sen a letra ñ. A oposición pide explicacións no Congreso dos Deputados. O deputado Feliciano Blázquez apunta co dedo á responsabilidade da sobriña de Romay.
Dende o estrado, Feijóo defende con uñas e dentes á acusada: “Vostede fala tamén desa asesora executiva do ministro. Mire vostede, mentres o ministro teña confianza na miña persoa e mentres eu teña algunha responsabilidade en informática, esa será a persoa da que sempre me rodearei para estes temas; sempre, antes e despois”.
Feijóo leva a Martín de Pozuelo a Correos e a Política Territorial
Tres anos despois, Feijóo comeza a voar só e chega á presidencia de Correos. O político ourensán ficha a Martín de Pozuelo Romay como a súa directora de Tecnoloxía e Sistemas.
En 2003, Rajoy fai retornar a Feijóo á Xunta para inclinar a convulsa sucesión de Fraga a prol do 'birrete', a tendencia do PPdeG máis centralista que liderou Romay Beccaría. Feijóo substitúe ao defenestrado Cuíña, líder da 'boina', na consellería de Política Territorial. De novo Feijóo nomea a Martín de Pozuelo Romay para súa cúpula, desta vez directora de Sistemas de Información.
Primeira adxudicación a ATOS
En Xuño de 2004, Atos Origin (daquela chamada só 'Atos') logra a súa primeira gran adxudicación da Xunta, precisamente do departamento que lideran Feijóo e Martín de Pozuelo Romay. Nunha UTE con Coremain, Atos encargarase do centro de xestión informática de Política Territorial a cambio de 1,6 millóns.
Un ano despois o PPdeG perde as eleccións. Feijóo pasa a líder da oposición e Martín de Pozuelo é fichada como directiva para a central de Atos en Madrid.
Nova sede de Atos Origin en Santiago
O resto da historia xa foi relatada neste diario electrónico. Atos Origin multiplica os seus negocios coa Xunta dende a vitoria de Feijóo até o punto de ofertar dez postos de traballo nunha nova sede en Santiago.
Cuestionado polo aumento dos contratos a Atos, Feijóo mostrouse visiblemente molesto coa prensa. "Sería bo non lanzar cuestións que non son certas e afectan á honorabilidade de persoas que non poden defenderse", advertiu aos medios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.