Pleno.- Feijóo defende que non adxudicou máis contratos a Villar Mir que o bipartito ante as críticas do BNG

O Bloque e En Marea instan o presidente a porse "da parte" dos traballadores de Ferroatlántica e non do "pago de favores"

SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2017 | Actualizada ás 14:17 por EUROPA PRESS

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou que os contratos adxudicados a empresas propiedade do empresario Villar Mir, investigado na 'Operación Lezo', durante o goberno do bipartido en "catro anos" e os concedidos polos seus Executivos en nove anos "andan por aí".

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no pleno.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no pleno. | Fonte: Europa Press

"E xa lle digo que non me preocupa nin o que vostedes adxudicaron nin o que nós adxudicamos porque son cantidades absolutamente razoables", manifestou o presidente da Xunta este mércores durante a sesión de control do Parlamento.

Despois de que esta semana transcendese que o empresario está a ser investigado nesta operación sobre un suposto financiamento ilegal do PP de Madrid, a portavoz parlamentaria do Bloque, Ana Pontón, pediu ao presidente da Xunta que "non use as centrais do río Xallas para pagar a factura dos favores que o PP lle debe" a Villar Mir.

E é que, segundo denunciou a líder do Bloque, a única pretensión de Villar Mir en Galicia é "facer caixa, coller o diñeiro e largarse" á conta dunha concesión que garante o mantemento das plantas de Ferroatlántica en Cee e Dumbría.

"Por respecto a este país, pídolle que deixe de esconderse nas medias mentiras e que fale claro. Advírtolle que Galicia non está para pagar as mordidas nin os favores que o PP lle debe a Villar Mir", incidiu Pontón.

FUNDACIÓN FRAGA

Na sesión, a portavoz nacional do BNG denunciou tamén a "xenerosa doazón" realizada por este empresario "á Fundación Fraga" ou a "adxudicación da dedo por 1,3 millóns da xestión dos albergues do Camiño de Santiago á construtora OHL, tamén propiedade do agora investigado".

Respecto diso, Feijóo deixou claro que "a Fundación Fraga non ten nin un patacón". "Non hai diñeiro nin para catalogar os arquivos", incidiu o máximo mandatario autonómico para pedirlle á dirixente nacionalista que "deixe en paz" ao presidente Fraga. "Hai unha gran diferenza entre Fraga e outros políticos que agora estamos a descubrir ao que se dedicaron", subliñou.

OUTRAS REFERENCIAS Á CORRUPCIÓN

Á investigación de Villar Mir na 'Operación Lezo' tamén se referiu o portavoz de En Marea, Luís Villares, na súa intervención, na que denunciou que agora se saiban as razóns ás que respondía a "inexplicable e calculada ambigüidade" da Xunta e do PP en relación a Ferroatlántica.

"E sabemos por que? Porque tiña que financiar o PP e vostedes tiñan que devolver os favores", censurou antes de advertirlle a Feijóo que "agora ten a capacidade de garantir a supervivencia do emprego de máis de 500 persoas da Costa da Morte" ou "pode condenalos ao paro para devolver eses favores".

Algún erro? Nota editorial
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta