Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 12/05/2017 | Actualizada ás 08:00
A enerxía eólica mariña preséntase como unha "alternativa clave para diversificar o mix enerxético español", así como "un motor económico" para crear emprego —"a maioría no sector industrial"— que permitiría "compensar o estancamento do sector eólico en terra" ao "aproveitar a experiencia tecnolóxica e os coñecementos técnicos previos". Así o manteñen os profesores Pedro Varela Vázquez e María del Carmen Sánchez Carreira, do Departamento de Economía Aplicada da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
Varela e Sánchez veñen de presentar os resultados dun estudo sobre o potencial da eólica mariña nun artigo aprobado para a súa publicación na revista científica Renewable Energy e titulado 'Estimation of the potential effects of offshore wind on the Spanish economy'. Nel, os profesores da USC salientan os "efectos relevantes" deste sector sobre o emprego e o PIB (Produto Interior Bruto), a partir de "evidencias empíricas" que "subliñan unha creación de emprego relevante, mesmo nun escenario cunha capacidade instalada limitada en comparación cos principais mercados europeos".
En concreto, e tras analizar tres escenarios diferentes —cunha capacidade instalada limitada, media e alta—, calculan que, malia que "a capacidade instalada esperada, mesmo no escenario alto, é menor que nos principais mercados europeos", o emprego xerado en España polo sector da enerxía eólica en alta mar "podería alcanzar 2.850 postos de traballo directos e indirectos a tempo completo" para o ano 2028. Segundo as súas estimacións, "para o 2030 haberá 3,73 empregos totais por megawatt (MW) acumulado".
Os economistas galegos tamén compararon o impacto económico en termos de emprego coa contribución sectorial ao PIB do Estado. Como resultado desta comparación, afirman que "a contribución ao PIB no escenario alto acadaría o seu pico en 2028 con aproximadamente o 0,024% do PIB español. Así mesmo, o emprego total de enerxía eólica en alta mar representaría no mesmo escenario o 0,012% do emprego estatal total".
Estes valores, matizan, "son máis modestos nos escenarios central e baixo debido á baixa taxa de crecemento da nova capacidade instalada e, por tanto, para o efecto multiplicador limitado".
Segundo Varela e Sánchez, o sector eólico mariño é en España de capital intensivo, xa que "a contribución ao PIB é sempre maior en cada escenario que a contribución ao emprego". De feito, engaden, "a contribución sectorial ao PIB é o dobre da contribución ao emprego".
TRES ESCENARIOS
Entre os principais resultados empíricos acadados na súa análise sobre o impacto socioeconómico da eólica offshore na economía española, Varela e Sánchez salientan a capacidade deste sector para crear emprego. Os economistas crearon gráficos que representan a evolución do emprego total xerado pola enerxía eólica mariña nos tres escenarios durante o período 2016-2030.
No escenario alto, a creación de emprego alcanzaría o seu máximo en 2028 con aproximadamente 2.850 empregados directos e indirectos a tempo completo. Así mesmo, o emprego total relacionado con esta enerxía renovable mostra un crecemento máis rápido desde 2023, debido a un importante incremento anual na instalación de nova capacidade, detallan no seu estudo.
Malia o que consideran un "modesto obxectivo" de 500 MW instalados en 2030, estas cifras mostran o que cualifican como "unha creación de emprego relevante". Con todo, subliñan que "mesmo a capacidade instalada acumulada no escenario alto ao final do período é significativamente menor que nos principais mercados europeos en 2015", polo que "esta creación de emprego debe entenderse dentro do contexto da evolución sectorial actual e esperada en España".
No que se refire aos escenarios centrais e baixos, a creación de emprego total é "menos relevante, con 815 e 215 postos de traballo, respectivamente, en 2028", apuntan os autores, que puntualizan: "Nestes escenarios, a redución da creación de emprego é máis importante en comparación coa diminución da capacidade instalada acumulada, debido ao efecto multiplicador".
Máis detalladamente, a economía española obtén máis de 0,80 euros adicionais de produción por cada euro investido en enerxía eólica mariña" e para o 2030 haberían 3,73 empregos totais por MW acumulado instalado no escenario alto en España, 1,99 no escenario central e 1,12 no escenario baixo. Mentres que as previsión para Europa da European Wind Industry Association son de 2,07 empregos totais por MW acumulado instalado no escenario alto en 2030, 2,76 no escenario central e 3,81 no escenario baixo, aportan os economistas da USC.
Gran parte da creación de emprego tería lugar, din, no sector industrial, polo que "o emprego creado se caracteriza por unha alta produtividade laboral".
Con todo, os autores do estudo avisan que "a maior parte do emprego é provocado por actividades temporais, o que significa que depende da nova capacidade instalada", polo que "a inestabilidade do mercado ou institucional poderían obstaculizar estes beneficios económicos" xerados pola eólica mariña, que en España só tiña 5 MW instalados en 2015. No estudo, os economistas mostran que "a evolución do emprego temporal é permanente en cada escenario durante o período 2016-2030".
Os profesores da USC indican que o sector eólico mariño español incrementaría anualmente a capacidade instalada para manter a capacidade industrial e os seus postos de traballo, polo menos, ata que a capacidade instalada acumulada alcance un nivel notable, como noutras zonas de Europa.
A capacidade instalada acumulada de enerxía eólica no mundo concéntrase principalmente en Europa occidental. Segundo datos de 2015, o Reino Unido lidera a clasificación mundial con máis de 5.000 MW, seguido por Alemaña con case 3.300 MW e Dinamarca con 1.270 MW. Fóra de Europa, China superou os 1.000 MW de capacidade instalada, con máis de 5.000 MW proxectados para os próximos anos. Mentres que España só tiña 5 MW en 2015.
POLÍTICAS DE PROMOCIÓN
Varela e Sánchez consideran que os resultados do seu estudo teñen "implicacións relevantes sobre as políticas de promoción para apoiar a aparición deste sector", de cara a "aumentar o tamaño do mercado interno e proporcionar unha guía estable a longo prazo, que reduza a volatilidade e garanta novos investimentos". Nesta liña, cren fundamental a "estabilidade lexislativa" como un dos principais impulsores do desenvolvemento sectorial, debido a que "a enerxía eólica mariña é un sector de capital intensivo".
Dado o atraso que mostra España na promoción da eólica offshore, especialmente en comparación cos principais mercados europeos, debido fundamentalmente á "falta de políticas de promoción sectorial e unha contorna macroeconómica negativa", sinalan, Varela e Sánchez piden potenciar este sector para a diversificación do mix enerxético, para obter beneficios ambientais e para facer deste sector un motor económico relevante para a economía española, mediante "políticas estables a longo prazo que fomenten a cadea de valor sectorial", aconsellan.
"As actividades temporais representan a maior parte do efecto económico sectorial total, polo que convén establecer condicións de mercado que faciliten o aumento da capacidade instalada acumulada. A este respecto, as condicións do mercado poderían fomentarse mediante un ambicioso procedemento de licitación estatal plurianual, complementado cun sistema de incentivos económicos, que facilite a internalización das externalidades ambientais. O aumento da capacidade instalada estatal tamén podería conducir ao crecemento dunha masa crítica de axentes locais, debido á experiencia de varias rexións españolas nos sectores eólico naval e onshore. Esta aglomeración potencial de axentes podería ser clave no movemento ao longo da curva de aprendizaxe sectorial, mellorando a aprendizaxe interactiva e as reducións de custos", conclúen os profesores da USC.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.