Por Alberto Quian | Santiago de Compostela | 18/05/2017 | Actualizada ás 15:01
Áreas urbanas do litoral galego mostran os maiores índices de diversidade de ecosistemas entre todas as zonas urbanizadas da costa de España. Así o salienta un estudo do CEI·MAR, o Campus de Excelencia Internacional del Mar, en Cádiz, que se publica na revista Cities - The International Journal of Urban Policy and Planning (volume 68, agosto 2017, páxinas 8–17).
Os investigadores do CEI·MAR analizaron a relación entre o desenvolvemento urbano e os ecosistemas costeiros en todo o litoral de España, onde o 80% das zonas urbanas están asociadas con máis dun tipo de ecosistema costeiro.
"En canto á diversidade de ecosistemas, o 11% das áreas urbanas obtivo os máximos valores de diversidade (nas rexións de Murcia, Golfo de Cádiz, Galicia e o Mar Cantábrico)", conclúen os autores da investigación, que consideran que "estas áreas urbanas deben enfocar os procesos de GIZC [Gestión Integrada de Zonas Costeras] cara á conservación dos ecosistemas e a mellora dos seus servizos".
Os científicos salientan que o 80% das zonas urbanas costeiras do Estado e o 90% da súa poboación están relacionados con algún tipo de ecosistema. En concreto, o 41% son zonas urbanas que mostran unha diversidade de ecosistemas media e o 11% son zonas urbanas costeiras cunha alta diversidade.
No caso de Galicia, o mapa deseñado polos científicos sitúa esas zonas urbanas do noso litoral con alta diversidade de ecosistemas nas Rías Baixas, na zona máis ao sur, na contorna da ría de Vigo, e tamén nas Rías Altas, na contorna das rías de Ferrol e Cedeira.
O litoral español ten unha superficie de 11.038 km2, o que representa o 2% da superficie total do Estado. Esta unidade ten unha anchura que varía de centos de metros a 10 km. Existen 623 entidades urbanas con 11.667.554 habitantes, que representan o 28% da poboación urbana, o cal "conduce a cambios significativos nos usos da terra que teñen un impacto negativo nos ecosistemas costeiros", aportan os científicos no seu estudo, titulado 'Relationships between coastal urbanization and ecosystems in Spain'.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.