Por M.V. | Ourense | 23/05/2017 | Actualizada ás 18:29
O Xulgado de Instrución número 3 de Ourense acordou o sobresemento provisional e arquivo das actuacións seguidas contra o presidente da Deputación, José Manuel Baltar Blanco (PP); o seu pai e antecesor no cargo José Luís Baltar, o xefe de persoal da Deputación e alcalde de Monterrei José Luís Suárez e a muller que denunciou ao primeiro deles por un presunto delito de acoso sexual.
Con respecto a este delito, entende a xuíza que non quedou acreditada a existencia de ningún tipo de relación de dependencia entre a denunciante e o presidente da Deputación de Ourense, polo que non existiría un dos elementos do tipo penal denunciado, que castiga a quen pida favores sexuais "no ámbito dunha relación laboral, docente ou de prestación de servizos". A xuíza si dá a entender que os favores sexuais se produciron.
Con respecto ao delito de suborno, indícase no auto que "das dilixencias instrutoras practicas non resulta suficientemente xustificado que o investigado José Manuel Baltar Blanco se comunicase de forma algunha co xefe de persoal, nin co asesor xurídico da Deputación, nin que dese instrución algunha ou realizado acto algún" respecto da denunciante, do mesmo xeito que o investigado Baltar Pumar, polo que a causa se sobresee para ambos tamén con respecto a este delito. Por último, sobre José Luis S.M., sostén que "non quedou suficiente xustificado que realizase acto algún contrario ás funcións do seu cargo".
T. F. C. denunciara a Baltar por prometerlle un posto na Deputación a cambio de favores sexuais entre 2010 e 2012, que se dixo se produciron polo menos nunha ocasión no Hotel Francisco II da capital das Burgas. A acusadora, que tamén foi imputada, aportou unhas gravacións efectuadas no despacho do presidente da Deputación, que a Xustiza agora non considera concluíntes.
Tamén aportou unha serie de SMSs, algúns subidos de tono (“cuando te apetezca más champagne avisa”, “tengo muchísimas ganas de estar contigo”, por exemplo) pero, tras interrogar aos acusados, a xuíza Eva Armestro considera que non están probados feitos punibles. T. F. C. traballou temporalmente na Deputación e foi interventora electoral do PPdeG pero non logrou o traballo fixo ao que aspiraba.
Na causa personouse Democracia Ourensana, como acusación particular. Está por ver se algunha das partes ou o fiscal recurre este auto de arquivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.