Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2017 | Actualizada ás 17:45
A directora xeral de Gandaría, Belén do Campo, reuniuse este xoves con portavoces da Asociación de Criadores de Gando Porcino Celta (Asoporcel), que lle adiantaron que o seu logo de raza autóctona 100% será presentado en Abanca Semana Verde de Galicia, nun acto que incluirá unha degustación de porco celta.
Con este logotipo búscase protexer as razas autóctonas, preservando o patrimonio xenético animal e o mantemento dos sistemas de cría extensivos, que maioritariamente se empregan para a súa explotación.
Isto supón, lembrou a Xunta, un beneficio para a sustentabilidade do medio rural e do medio ambiente e permite realzar e potenciar a calidade destas razas. Ademais, con este selo, facilítaselle ao consumidor "máis información sobre o produto", á vez que para os produtores destas razas "supón unha vantaxe comercial".
A directora xeral explicoulles ao presidente de Asoporcel, José Barreira, e ao técnico da asociación Iván Rodríguez que xa se está tramitando a adenda pola que se modificará o convenio que subscribiron coa Consellería e polo que perciben 85.000 euros anuais ata 2019. Grazas a esta modificación, os gastos subvencionables pasan a ser do 100%, como solicitaba o sector.
A través deste acordo, a entidade desenvolve actividades de recuperación, conservación e fomento da raza porcina celta como as que terán lugar en Silleda, onde está prevista unha degustación de carne. Asoporcel xa estivo presente tamén en Gandagro o pasado mes de xaneiro e en Xantar 2017, entre outras feiras e eventos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.