SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/05/2017 | Actualizada ás 17:26 por EUROPA PRESS
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, confirmou que este mércores asistirá a unha reunión no Ministerio de Xustiza para "ver como se implementan" os xulgados especializados nas cláusulas chan, aínda que considera que "esta explicación tiña que ser antes", xa que cidades como A Coruña e Vigo contarán con esta dotación a partir do 1 de xuño.
Tras ser preguntado este martes en Ourense polas críticas de sindicatos xudiciais que reclaman reforzos de persoal e materiais para atender este novo tipo de actuacións, Rueda lembrou que a creación de xulgados específicos para as cláusulas chan "é un plan deseñado polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ).
Así, abundou en que a decisión de que cidades contarán cun xulgado especializado e como se pon en marcha "compete ao poder xudicial", mentres que "a obrigación" da Xunta é "pór os medios" para que os xulgados especializados nas cláusulas chan "estean en funcionamento".
O GOBERNO GALEGO "ASUME A SÚA RESPONSABILIDADE"
Ante as críticas de diversos colectivos, Rueda destacou que o Goberno galego "asume a súa responsabilidade, que é executar un plan deseñado polo CGP" e cuxa primeira reunión para explicar en que consiste "vai ser mañá (mércores)".
O vicepresidente confirmou que a cita no Ministerio de Xustiza contará coa presenza dos responsables autonómicos en implementar este proxecto.
Con todo, considerou que esta reunión debería producirse "antes" e sinalou que na Coruña e Vigo "desde o 1 de xuño" xa estará en marcha este proxecto, que se trasladará ao resto da Comunidade Autónoma "de forma progresiva".
"Nós dixemos que o lóxico para ver que medios hai que ir dotando é ver como vai evolucionando o número de demandas", defendeu o vicepresidente galego.
OS SINDICATOS PIDEN REFORZOS
Por outra banda, o sindicato Alternativas na Xustiza-CUT emitiu este martes un comunicado para solicitar ao xuíz decado de Ourense que pida "o máis urxente posible" funcionarios de reforzo que "auxilie" ao xuíz que vai levar os asuntos das cláusulas chan na cidade das Burgas.
O sindicato reclamou que a apertura deste servizo, que en Ourense estará a cargo do Xulgado de Instancia número 4, se dote "de maneira inmediata con dous xestores, dous tramitadores e un auxilio xudicial".
Por parte do sindicato considérase que se non se produce un reforzo de "persoal e medios" a xestión das cláusulas chan suporá "a morte por asfixia deste xulgado", porque tamén é o que ten "competencias para a tramitación exclusiva en materia mercantil".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.