Por Galicia Confidencial | Ourense | 03/06/2017 | Actualizada ás 12:51
A Plataforma Feminista Galega de Ourense esixiu unha casa de acollida para vítimas de violencia de xénero xestionada directamente polo Concello como "única forma de garantir unha atención axeitada a estas mulleres e as súas familias". En concreto, denuncian que "o Concello de Ourense cede un ano máis esta responsabilidade" á casa xestionada pola Fundación Amaranta-Adoratrices de Ourense, unha entidade relixiosa que "a pesar de ter un persoal profesional cualificado a tempo parcial e para labores moi concretas, dificilmente cumpre co seu cometido"
As feministas argúen que o acompañamento a estas mulleres e as súas fillas e fillos "é levado a cabo por persoas cunha 'capacitación' que lle vén dada polo feito de pertencer a unha orde relixiosa". A Plataforma Feminista Galega considera "un despropósito" que un recurso destas características sexa xestionado por relixiosas que "carecen da formación necesaria para a realización dun traballo tan importante que debe supoñer, entre outras cousas, o empoderamento de mulleres vítimas de violencia machista, para poder afrontar unha nova vida independente e autónoma, potenciando unha intervención psicosocial cualificada e non supeditada ao asistencialismo nin á beneficencia", argúen.
A plataforma lembra que a recuperación psicosocial das mulleres vítimas de violencia machista é "un proceso longo e difícil" que "precisa da intervención en rede de profesionais de diversas disciplinas a través dunha metodoloxía sistémica e integral". Tamen salientan que segundo recolle a Lei Orgánica de Medidas de Protección Integral contra a Violencia de Xénero, "os concellos deben ofrecer a estas mulleres e as súas familias a protección, as condicións de recuperación persoal e o acompañamento necesarios para a organización da súa vida autónoma".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.