Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/06/2017 | Actualizada ás 14:31
Un total de 54 entidades do tecido asociativo galego uníronse para crear a Rede de Patrimonio Cultural, a "primeira" entidade destas características que busca "velar pola protección, a divulgación e a defensa do patrimonio cultural" de Galicia.
A reunión fundacional desta iniciativa tivo lugar o pasado sábado no Museo do Pobo Galego da capital galega, onde 33 asociacións abriron un proceso que cristalizará nas próximas semanas coa constitución formal desta rede, tal e como xa avanzara GC.
Segundo definen nunha nota de prensa difundida este domingo, a Rede de Patrimonio Cultural terá como obxectivo primordial servir como "un instrumento de axuda e unha ferramenta de difusión das actividades de todas as asociacións e entidades que participan nela".
Así mesmo, promoverá accións e campañas en defensa do patrimonio cultural de Galicia en ámbitos "institucionais, sociais e territoriais" que, segundo sinalan, resultan de "difícil acceso" para estas entidades.
En total, a Rede de Patrimonio Cultural estará integrada por 54 entidades de toda Galicia que van desde "grupos culturais de carácter local ou comarcal" a "grupos de investigación" ou "asociacións de carácter profesional" que "manterán a súa independencia" aínda que participarán nun calendario común de actividades.
"Galicia é un país onde a cultura e o patrimonio constitúe unha importante fonte de riqueza tanto social como económica e un valioso activo cara ao futuro", reza o comunicado emitido este domingo.
PLANIFICACIÓN ANUAL
Deste xeito, avanzan que esta rede desenvolverá unha planificación anual que consistirá en "dúas ou tres" campañas "por ano" relativas a cuestións que "afecten económicos, lexislativos, administrativos sociais ou educativos relativos ao patrimonio cultural, á conservación, protección e promoción".
Ademais, os membros desta iniciativa prestarán especial atención á divulgación entre os sectores máis novos da sociedade da cultura e o patrimonio de Galicia, aínda que engaden que "tamén apoiarán campañas que non só se subscriban á Galicia territorial".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.