Por M.V. | Santiago de Compostela | 06/06/2017 | Actualizada ás 09:09
Determinados, porque Medio Rural subvenciona a dedo exclusivamente aos xornais en papel, boicoteando outros formatos informativos. Entre as cabeceiras impresas, ademais, o reparto é moi desigual.
Así, La Voz de Galicia volve ser a gran beneficiada no reparto da Xunta de Alberto Nuñez Feijóo. Até 149.767 euros recibirá o diario de Santiago Rey a cambio da “elaboración, maquetación, publicación e divulgación dun suplemento de accións divulgativas e informativas relacionadas co desenvolvemento da produción agroalimentaria de Galicia”. É dicir, de producir un suplemento para informar de sectores que precisamente xestiona a Consellería de Medio Rural.
Para o resto de xornais en papel hai moito menos diñeiro. Faro de Vigo leva 69.000 €, El Progreso de Lugo 24.000, La Región 23.000, El Correo Gallego 16.000, Diario de Pontevedra 10.000, La Opinión 8.000, Atlántico Diario 3,700, Diario de Ferrol 3.700 e Diario de Arousa 1.800.
A cambio destas faragullas, estes xornais non terán que publicar un suplemento como La Voz. Abondaralles realizar “accións divulgativas e informativas relacionadas co desenvolvemento da produción agroalimentaria de Galicia”. Informar sobre o traballo de Medio Rural, noutras palabras.
Todos os convenios foron asinados o mesmo día, o 27 de xaneiro, o que indica unha estratexia determinada de subvencionar a dedo a algunhas cabeceiras. A dedo porque os convenios son instrumentos totalmente discrecionais. A diferencia das axudas vía DOG, non hai publicidade, nin concorrencia.
Cada mandatario escolle a quen subvenciona mediante criterios totalmente subxectivos. En teoría, os convenios non poden ter ánimo de lucro. A Xunta leva usándoos sen interrupción dende a era Fraga para influír na liña editorial das cabeceiras.
A concesión destas subvencións chega nunha primavera na que a Consellería rexeitou en repetidas ocasións a apertura de liñas de subvencións para compensar aos agricultores polas xeadas que arrasaron gran parte de colleitas como o viño. A conselleira Ángeles Vázquez Mejuto semella non ter diñeiro para axudar aos seus administrados, pero si para subvencionar a unha parte dos que informan sobre a súa labor.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.