Por Galicia Confidencial | Madrid | 07/06/2017 | Actualizada ás 09:38
Como viñan dicindo os ruxe-ruxes do serán do martes, o Banco Santander compra ao Banco Popular para evitar a súa intervención. Faino por un prezo ridículo, un euro, o mínimo para darlle validez legal ao contrato de venda.
O movemento supón en principio un gran alivio para o Goberno. O discurso da recuperación económica enarborado polo PP estaba en risco. Se ninguén o compraba, o Popular sería intervido en cuestión de días, sendo necesario un novo rescate bancario.
A Comisión Nacional do Mercado de Valores suspendeu a cotización do Popular na bolsa. O Santander sigue cotizándose, con perdas, polo agora moderadas. O comprador prevé lanzar unha ampliación de capital, até 7.000 millóns, coa que compensar a compra dos activos tóxicos que trae con sigo a matriz do Banco Pastor.
A entidade de Ana Botín que se convirte asi en lider absoluto do sector bancario español e segundo en Galicia tras ABANCA.
A operación de transferir a totalidade do capital emitido polo Popular en accións de nova emisión do propio banco que son adquiridas polo Santander polo prezo dun euro, realízase sen comprometer recursos propios, nin afectar aos acredores nin depósitos indicou o Goberno a través do FROB.
A compra terá importantes consecuencias en Galicia. O Banco Pastor, filial do Popular, ten a segunda rede de oficinas máis potentes do país. Parece inevitable un novo ERE para reducir cadro de persoal e evitar duplicidades.
Tamén está por ver como afecta isto ao principal accionista galego do Pastor, a Fundación Barrié, cuxa importante obra social aliméntase do negocio bancario.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.